sábado, 17 de julio de 2021

It's like a summer shower.

 Aquí non teño lampariña de noite.

Non teño a intimidade melancólica da madrugada,

tan só a luz estridente ou a escuridade que me asfixia.

Atrapada nos mesmos raís (imposible saír impune)

e os teus beizos animais que me calman

e se ausentan.


Se esta vida é un placebo que o digan xa

nos noticiarios

ás oito, cando a sopa aínda está quente

e temos tempo de esvairnos nesa bruma de louza.

Que o digan para que poida irme á outra

correndo coas puntas dos pés, pisando mal coa prisa 

de non ter xa vida no corpo nin

esperanzas.

Mais dan as nove e os noticiarios non comentan,

entón por qué ninguén máis defende 

como nai osa á súa estirpe?

Sómolos refugallos de centos de mortos e 

estamos aquí para contalo.

Sería tan fácil, tan fácil... tapar cun dedo

 a vía láctea, volver comer ovos,

seguir as vías do tren ao seu encontro.

Tan fácil e tan difícil neste estado de atroz desinocencia.


É inútil usar vocabulario de guerra,

alomenos se unha quere chegar a vella

sen unha negra ponzoña diagnosticable por radio

a só dous días da xubilación.

É inútil calquera cousa que non sexa amar e ser amada,

morderche a carne e aferrarse a nada

e a todo ao mesmo tempo, como unha caída ao baleiro,

coma a chuvia en verán e esta tristeza.

Lalaland.

 Eu nunca fun a un autocine.


Dixéchesme cos ollos pechados que dese pasos dos nosos.

Frenético universo nos lacrimais, frenética causa

a que me molla os ósos na augardente.

Sobre min pasou a vida, enteira e redonda,

coma a lúa e as laranxas,

coma as engurras de quererse tanto, tanto

como para querernos existir.

E dixeron eles as palabras da miña boca,

como nun espello mollei os labios,

andan a tentas os gatos na noite

buscando de comer.


Somos nós os que vivimos e bebemos desta fonte

que mana das nosas bocas,

somos nós os que nos amamos

sobre tódalas cousas.

Nesa choiva (reprise).

 O lume que sai de min, onde foi parar?

Levárono ás costas os xornaleiros.

Unha carreta pasa, igual que o vento apaga un misto fúnebre.

As enfermidades do roce fóronme supurando,

a min, que xurei ser como noiva buscando o veleno nos beizos do amor.

E se eu non puiden, quen pode?

E se a miña pel xa non está tenra, senon feita invernos e encurtidos,

que dereito teño sobre a vida?

Famenta coma unha boca de metro

sigo á xente cos ollos, pero non cos dedos.

A dor do morteiro, os días sen sol e sen chuvia, foron construíndome

pedra a pedra

estes dez anos de nada, este cúmulo negro de porcallada histórica,

unha fodida cousa despois da outra.

Os días coma anotacións nun almanaque, o corazón frío da carne crúa.

Non merezo que suxeites as miñas mans pequenas,

nin ás pantasmas que aínda me habitan.

Que son elas de carne e son eu espectro inconsistente que as apreixa.

E na realidade, que hai por agardar?

Un encoméndase a Deus, a outra á droga branda,

o mesmo da, que as horas pásannos a todos igual de mortas.

Por iso penso, o lume que sai de min, onde foi parar?

porque ti aínda mo ves nas meiniñas dos ollos.

O pasado está apodrecendo e perdendo ese fresco

cheiro a anís propia do San Xoan,

a casa, as baldosas, piden que as pisen pés mollados.

Podemos soportar un futuro decadente

(maldita sexa, é o único futuro que nos vale)

pero podemos soportar esta soidade?

Flor murcha no medio dunha poza.

Só arde o sol cando contempla toda a súa creación, 

toda ela,

e non deixa nada sen bicar coa cinza,

no espello ve unha muller sangrante 

chorando a rabia dun novo día.

martes, 6 de abril de 2021

Oblivious (obvious reference a galaxie 500)

 Vibráchesme 

na pel, nos espellos

nas tripas, triunfante e perdedor,

desfacendo os dentes no azucre, mentres eu saloucaba.

Aposteime enterrada na area desa praia

escarbándome o salitre entr'os dedos

e o sol dame nos fociños e mais non me aparto,

busco coa mirada unha réplica, unha réplica, unha réplica...

Un eco que marcha a pesar destes ollos de cordeiro,

a túa gorxa cortada.

Triunfante sobre todos no teu momento de gloria,

tan tenro coma a carne raspada no asfalto.

jueves, 1 de abril de 2021

Entrada de diario. Noite e mañá.

Estás aquí.

Dubídao, a realidade material aplástanos

para a nosa tranquilidade.

Fuximos para volver á casa.

Fuximos para saberme túa e saberche meu

mais xa a quilómetros e segundos

atrás e adiante

nos sabemos.

Relambémonos pensando nas feridas.

Relambémonos pensando na pel e no corpo do outro,

no que nos supura.

Estamos enchidos de orgullo.

E eu estou enchida do orgullo de mirarche á cara.

De terche finchado na boca,

da boca da que nunca che saco e és

de sal e de mel

para estas feridas.

Neste mundo cárnico nós escollemos non aburrirnos.


Mátame algún día enriba dunha roseira

cas beiras da boca lixadas de pó.


Estou aí.

lunes, 8 de febrero de 2021

Feeling every sunset

Putísima distorsión de guitarra nos oídos e enténdoo todo

absolutamente todo

no universo.

Putísima voz rasgada e desafinándome dentro, 

desgarrándome a pel con dous dedos e revelando deus sabe qué.

Non tiña suficiente sangue, pero agora si.

Non tiña máis preguntas, só respostas rápidas coma bólidos.

Non se pode pretender vivir despacio cando o tempo berra

nos oídos

cando nos consumimos a cada paso

camiñando sobre vidros cortados.

Camiño triunfante, orgullosa sobre un monte de merda

sen distinguirme do laranxa desta escuridade quente

que veu sustituír o alento que me dabas

e xa non teño.

Putísima distorsión de guitarra nos oídos e entendo todo

e súdanme os ollos do esforzo e das ganas de arrincarmos

porque entendo todo e non me colle

na caaveira que me fai de cara.


...'cause a heartbreaker starts with a broken heart

and I'm broken then run girl just run

don't try to fix me

run away

don't waste your time with me

miércoles, 20 de enero de 2021

Nados para a guerra

 Oxalá non sexamos felices

e a desgracia se nos acumule na boca pastosa e nos tinte a pel toda

e teñamos que chorar sosa para corroela,

igual que me seca a boca cando a teño moito rato aberta.

Oxalá non teñamos remedio

e vivamos coma cans recollidos nunha cova de arxila vermella

e teñamos que cheirala herba para atopar o camiño

e vivamos sempre lixados de terra

e fodamos coma cans mentres nos morren os trens.

Oxalá non teñamos acougo

e as montañas fiquen aboiadas polas nosas pernas ao saltar ao baleiro

que non teñamos nunca paz nin sosego

e manteñamos sempre tensa esta corda que nos esgana o sangue.

Oxalá me mates alomenos unha ducia de veces

e craves mil cravos no meu ventre estéril

ata que mane a auga escura das noites e as cidades

ata que volva crer na miña estúpida vida

e na túa

nesta guerra sen descanso para a que nacemos.