martes, 6 de abril de 2021

Oblivious (obvious reference a galaxie 500)

 Vibráchesme 

na pel, nos espellos

nas tripas, triunfante e perdedor,

desfacendo os dentes no azucre, mentres eu saloucaba.

Aposteime enterrada na area desa praia

escarbándome o salitre entr'os dedos

e o sol dame nos fociños e mais non me aparto,

busco coa mirada unha réplica, unha réplica, unha réplica...

Un eco que marcha a pesar destes ollos de cordeiro,

a túa gorxa cortada.

Triunfante sobre todos no teu momento de gloria,

tan tenro coma a carne raspada no asfalto.

jueves, 1 de abril de 2021

Entrada de diario. Noite e mañá.

Estás aquí.

Dubídao, a realidade material aplástanos

para a nosa tranquilidade.

Fuximos para volver á casa.

Fuximos para saberme túa e saberche meu

mais xa a quilómetros e segundos

atrás e adiante

nos sabemos.

Relambémonos pensando nas feridas.

Relambémonos pensando na pel e no corpo do outro,

no que nos supura.

Estamos enchidos de orgullo.

E eu estou enchida do orgullo de mirarche á cara.

De terche finchado na boca,

da boca da que nunca che saco e és

de sal e de mel

para estas feridas.

Neste mundo cárnico nós escollemos non aburrirnos.


Mátame algún día enriba dunha roseira

cas beiras da boca lixadas de pó.


Estou aí.