Oxalá non sexamos felices
e a desgracia se nos acumule na boca pastosa e nos tinte a pel toda
e teñamos que chorar sosa para corroela,
igual que me seca a boca cando a teño moito rato aberta.
Oxalá non teñamos remedio
e vivamos coma cans recollidos nunha cova de arxila vermella
e teñamos que cheirala herba para atopar o camiño
e vivamos sempre lixados de terra
e fodamos coma cans mentres nos morren os trens.
Oxalá non teñamos acougo
e as montañas fiquen aboiadas polas nosas pernas ao saltar ao baleiro
que non teñamos nunca paz nin sosego
e manteñamos sempre tensa esta corda que nos esgana o sangue.
Oxalá me mates alomenos unha ducia de veces
e craves mil cravos no meu ventre estéril
ata que mane a auga escura das noites e as cidades
ata que volva crer na miña estúpida vida
e na túa
nesta guerra sen descanso para a que nacemos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario