[Aqueles que están mortos non están mortos,
están soamente vivindo en min.
E como eu caín nese meigallo
do mesmo xeito tamén morrín]
(free translation from: 42, Coldplay)
En días coma hoxe as formigas festexan que atoparon
unha pomba morta sobre a que correr en círculos.
Festexan
un día máis de vida no formigueiro.
Todo apodrece, especialmente no outono,
cando está tan preto o día no que espertan as vellas pantasmas,
heroes da idade antiga,
convertidos en pó no mellor dos casos.
A maioría da xente sigue vivindo sen quitarlle o pó aos vellos costumes
para que non se lles desfarangullen entr'os dedos.
E eu atopo que fun polo camiño contrario,
pero só ca parte esquerda do corpo.
Pagou a pena esta innecesaria soidade
por unha honestidade a medias?
Ás veces a verdade é un veleno e, ás veces,
é máis mintireira cás mentiras.
Os anos pasan por min destrozándome o fígado, coma a todos,
mais sigo esperando finxir o nácar e as mareas de antano.
Cada vez que sae costra eu arrinco
expoñendo a carne tenra de debaixo,
as feridas nunca curan, e apodrecen as follas, especialmente no outono,
e tódolos que tomáchedes camiños negros estades agora
xuntos
do outro lado,
apertados como formigas nun cadavre corredes e entrades en calor,
estades xuntos e festexades
un día máis de vida no formigueiro.
Este é o canto da miña derrota.
Escoito aínda as vellas cancións,
choro as tumbas de todos aqueles que fóchedes.
Por non querer chorar a miña, por non ver que ninguén
a chora.
Os valentes volvímonos cobardes,
morreron os heroes verdes e as cancións;
vós soubéchedes da vida o xusto e necesario,
perdida a partida, quedouvos todo o demais.
Demasiado tarde vexo os sinais polo camiño transitado.
Demasiado tarde para cambiar ahora, dixo Alaska,
quedo escoitando aínda as vellas cancións,
buscando neste mundo que apodrece
un lume que queime as miñas mans, irtas de tanto frío.
A tódolos que quixen, a tódolos que odiei,
sempre tivéchedes razón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario