Aquí non teño lampariña de noite.
Non teño a intimidade melancólica da madrugada,
tan só a luz estridente ou a escuridade que me asfixia.
Atrapada nos mesmos raís (imposible saír impune)
e os teus beizos animais que me calman
e se ausentan.
Se esta vida é un placebo que o digan xa
nos noticiarios
ás oito, cando a sopa aínda está quente
e temos tempo de esvairnos nesa bruma de louza.
Que o digan para que poida irme á outra
correndo coas puntas dos pés, pisando mal coa prisa
de non ter xa vida no corpo nin
esperanzas.
Mais dan as nove e os noticiarios non comentan,
entón por qué ninguén máis defende
como nai osa á súa estirpe?
Sómolos refugallos de centos de mortos e
estamos aquí para contalo.
Sería tan fácil, tan fácil... tapar cun dedo
a vía láctea, volver comer ovos,
seguir as vías do tren ao seu encontro.
Tan fácil e tan difícil neste estado de atroz desinocencia.
É inútil usar vocabulario de guerra,
alomenos se unha quere chegar a vella
sen unha negra ponzoña diagnosticable por radio
a só dous días da xubilación.
É inútil calquera cousa que non sexa amar e ser amada,
morderche a carne e aferrarse a nada
e a todo ao mesmo tempo, como unha caída ao baleiro,
coma a chuvia en verán e esta tristeza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario