domingo, 16 de agosto de 2020

A ver se me enfría o café.

 Cando estou triste, verdadeiramente, como agora

mentres agardo a que me enfríe este café salvador

e me come a angustia e soidade de algo que non coñezo aínda

e nunca coñecerei,

desexo estar chorando as ausencias doutra eu,

as ausencias que un día a desgarraron e a tragaron no baleiro,

para ver nas miñas bágoas patéticas as súas

e, para qué mentir, pra sentir que choro polo que xa foi

en troques

do que será.

¿E se cando te miro aos ollos o que vexo

é un amor de moitos anos,

o amor que non puido ser,

e agarrándoche as manciñas atopo que estou

cumprindo algún tipo de desexo do corazón

de aquela que fun, noutro tempo, noutro sitio?

¿E se atopo nelo o consolo de deixar diante de min

todas aquelas ausencias que chorei

ata que a miña gorxa foi unha casca seca e rasposa

e non quedou en min un gramo 

de

vós?

Odio as vidas interminables, extendéndose cara atrás e cara diante. Tan só quero un lume pequeno que me acolla

despois dunha viaxe.

Non me arrofriou o café e sigo sentindo sobre as miñas as túas mans

e pensando en qué sentir

qué mentir

e qué chorar.

Pensando nesta carreira da vida e o amor,

en quén me abandonará primeiro.