martes, 20 de noviembre de 2018

O infinito

Hai un baleiro que da moito medo.
Un baleiro que evito mirar, que evitamos mirar,
Un silencio.
Unha cousa densa e nocturna, un frío que non reflicte o termómetro
pero que morde igual.
Ás veces penso en ti.
Ás veces penso en ti todos estes anos tan só,
rodeado dese baleiro, tratando de non miralo.
Ás veces penso en ti e rompo e virto no chan mareas enteras
ti non sabías que a pel dos demais estaba tan cerca.
Hai un baleiro e asusta como unha capa negra e pesada que cae sobre nós.
Como o telón ao final dun libro que deixa o sabor no aire e o frío.
É como soltarnos dunha man e quedarnos momentáneamente á deriva, arrastradas polo mar, perdidas.
Ou mais que perdidas, abrumadas,
como se o mar fose ceo e o ceo infinito, e non unha cousa que se corta nos horizontes.
Por isto fuximos e corremos pra adiante e intentamos chegar e miramos fóra fóra moi fóra de nós e buscamos a esquizofrenia de mil voces alleas para non ver
unha
soa
nósa
terrorífica
baleira.
Pero se o miras.
Se de verdade o miras.
O baleiro,
o baleiro que está en nós e nas tostadoras e no silencio dos demais.
Verás que como unha tea che envolve e arroupa,
que como capamusgo serás a fermosa desconocida
que irrumpe na festa para só ser
de si mesma.

jueves, 1 de noviembre de 2018

Eu espero que ti non teñas as mans frías
polas noites cando o tedio se mete baixo as saibas.
Espero que teñas as mans cheas de agosto e flores secas
como unha cara agardando na varanda,
sen medo.

Está ben ter medo porque as cousas
cambian e rompen, coma a auga
contra as rochas, como ti rompes contra min
cando me miras.

Un día espertas, miraste as mans pequenas e sodes
duas
a que agarra e a que acaricia
a que aplaca e a que desmorona
o meu pensamento con eses ollos entornados.
Como se tivesen sono de estar felices.
Como se puidese miralos sempre que quixese
como o trébol na fiestra.

Eres dúas e eres todo, e eres unha parte xa
como se nos planos desta cidade che incluísen.

Eu espero que non teñas as mans frías.
Que chores suave coma a noite e coma a seda.
Que rías ben e mollado.
Que teñas sempre un lume que apreixar.