jueves, 24 de agosto de 2017

Parar.

Parar é mirar aos ollos
á morte.
É parar.
É convencer á amigdala de que 
ese inferno non queimará o meu corpo.
É deixar que as follas pasen a través
de min.
É mirar e apreciar tódolos xestos.
É mirar e apreciar a existencia toda
como se nun deserto atopase un oasis
e non puidese parar de beber.

Parar é asumir a dor.
Asumir a presencia propia.
Flexionar os músculos e atoparse soa.
En calma.
Cun océano embravecido detrás dos ollos.
En calma.
Cunha respiración ansiosa que marcha
e marcho.
En calma.
E nunca xamais vou volver sobre os meus pasos.
E sempre vou a mirar atrás e iso
está ben.

Entender que as personas somos cousiñas brandas
que deben sobrevivir a area e espiñas
que todos temos medo cando cae a noite
que nunca valerá a pena empurrar
outro corpo baixo as vías dun tren.

Parar é saber que nunca paramos.
Parar é saber abrazarnos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario