Qué seremos se non corremos,
un vómito na auga clara,
o berce do que nos sacan a patadas
mentres busco razóns para non ir durmir.
Que o destino se decida antes de que te des conta
que che agarre alguén polos pulsos febles
partindo como ramas secas
a noite de suspiros que nos leva.
Demasiado tarde,
demasiado tarde,
igual que se sufrise o meu quinto aborto non buscado
e chorase sen remedio un cento de grans secos.
Demasiado tarde porque estou
unha e outra vez detrás deste cristal
convencida xa de que non hei saír, nin mirar apenas
para outro lado
estando por estar, afogando
tan pouquiño que quizais aprenda a vivir sen osíxeno.
Total
que nos queda
a morte, tan burra.
Non hai en min suficiente carne de persona
que poida facer sentido a isto que me rodea.
O feito de que non morrín, cunha exhalación impertinente,
que xamais me pasou nada tan grave
que a vida non foi fácil
nin difícil. Que rematarei este xogo sendo
quen máis detesto.
O autoodio fainos a todos narcisistas,
non o sabías?
A vida que nos cubre con feridas.
Oxalá ter vinte anos e correr, correr naiciña, correr!
Demasiado tarde para ir con prisas.