jueves, 10 de septiembre de 2015

Cando ti non estás.

Que felicidade o primeiro segundo
no que as túas mans frías non se entrelazan no meu peito.

Que dita ese alento fresco e confiado
e os saúdos alegres do can na casa
cando ese día vou almorzar.

A calor da cunca de cacao sobe ás meixelas
cando un bico de sol che mantén lonxe.

As follas murmurian e xoguetean baixo os zapatos de outubro
cando ti non estás.

Se extendo os brazos e a brisa move o meu pelo
sinto un voar de mel e ledicia
cando nas costas non me pesas.

Eses días de tesouro e caracolas
gárdoos no fondo da gorxa, escribo poemas cheos
de animaliños, choro as estrelas da noite
que atopo nas pozas, planto avelaíñas e historias
para os corazóns inocentes.

Vaite pois, miña sombra sen cores,
miña arpía malfadada, enxendro da memoria.
O peso dos meus pasos, meus grilletes, miñas horas.

Vaite e que nunca mais che colla.

Alí vive ela.

Onde o tempo morre e as feridas surruchan,
alí vive ela.

Onde apodrece o amor, e a pel e os ollos son cuncas baleiras,
alí vive ela.

Onde o pelo e os soños caen ao chan arrincados con desprezo,
alí vive ela.

Onde nunca chegou mar con oleaxe, sorriso sincero, pinga de mel de abellas,
alí vive ela.

Onde mora o final dunha luz que se extingue e as escaleiras rompen á mantenta
para facer chorar ós nenos,
alí vive ela.

Onde os animais tremen e o frío seca e barre da alma tódalas folerpas,
alí vive ela.

Coidado, pois está moi reto, mais preto que a pel, mais preto que o vento,
mais preto que os ollos pechados en inverno,
mais preto que vós mesmos.
Alí vive ela.