sábado, 11 de marzo de 2017

Carta de amor efímera.

Escribo esta carta cando debo, cando aínda existe.
Dende o fondo da emoción dunha América rescatada,
escribo
expóñome ao medo
e escribo.

As metáforas (como a de América) sirven moi ben para ocultar.
Para rasgar a realidade e insinuar, velar, estafar.
Para non expoñerse.
Por isto, loitarei contra os monstros que me dominan
ata pulir un relato limpo e fondo
como un mar embravecido.

Estabas cunha calma e contigo.
Ti estabas.
E non podes imaxinarte canto tempo facía que non estabas.
E non podes imaxinarte cando tempo facía que eu non estaba, para verche.
E como nun xogo de cara ou cruz os anos tiveron que pasar
sen que nunca estivésemos ti ou eu
completamente presentes.

Mais esta noite estabas completamente presente.
Eu estaba completamente presente.
E souben entón que dun xeito retorto, distinto
ao que moitos entenden
és o amor da miña vida.

Cando digo "o" (véxome na obriga turbada de aclaralo)
non estou pensando nunha parcela que debe ser ocupada
non penso nun título que deba ser outorgado
non penso nun contrato que deba ser asinado
penso en emoción pura, plural, misteriosa e xamais excluinte.
Penso en cómo as cousas son, e serán, coa intención de que outra vez
ti estes totalmente presente
e eu este totalmente presente.

Como isto é unha carta de amor efímera
efímeras serán tamén as crenzas irracionais que virto nela
como pensar que és esencial, como a auga
que ti e mais eu xamais nos separaremos
que temos, en fin, unha historia.
Que sentimos cada un unha parte irregular dunha liña que se xunta.

Esta noite era tan tarde e brillabanche os ollos
e brillábanche as palabras
e era todo tan real, sinestésico, como un chute de algunha droga que acelera coa música.
Eu quixen con tódalas miñas forzas bicarche
sen moito xeito, só o xesto
transmitir a forza e o agradecemento.
Ameite tanto por un momento dun xeito voraz e sen pretensións.
Quería ter alomenos iso, tan tanxible,
e detrás das emocións fondas e longas de explicar, quizais
simple excitación sexual, automática, básica
como unha máquina.

En lugar diso camiñei ata aquí.