sábado, 21 de agosto de 2021

come on baby light my fire

todo daba voltas arredor deste veleno

ata tocar cas puntas as cordas máis tensas

riscando cas unllas a cabeza do misto

atopándonos de novo, buscándonos de novo,

condenándonos.


trémenme as mans das autopistas

neste corpo que non frena

nos bocados desta vida

na linguaxe que medra enteira

de ter esta cousa escura entre nós,

isto tan barato como real,

trémenme as mans de non ter tenazas

cortándome o peito.

 

FURIA necesaria a que nos leva a erguernos das cinzas

dun novo mundo,

cuspe en tódolos insectos que se nos meten

polos poros.


que ti me queres e eu te quero

que sempre estaremos separados

que nunca apartarei a cara

que xa estamos condenados


"And I swear by this love
which is living and dead
that we will be separate
and we will be wed."

jueves, 19 de agosto de 2021

22:57

non me atopes

e cando caia a noite e medre a madreselva, non me penses

e cando chegue a ti o pasado a esganarche o pescozo, non me sintas

e se os crucifixos caen das paredes neste monstruoso seísmo, non me protexas

e se nos chega a chuvia, e o incendio arrasa ca vastísima cidade, non teñas pena

se atopamos os deliciosos froitos de sangue, non compartas

e se agardamos outro día máis, non me esperes

e se sangro, sobre todo se sangro, non me chores.


que eu xa che penso, xa che sinto, xa choro, xa 

rompo en mil anacos a carne, coma un espello que me mira, 

xa corro, xa me refuxio no espeso deste amor

xa levo en min todo o que és, todo o que somos

xa che atopo

domingo, 1 de agosto de 2021

Na selva.

Estou na selva, e máis ca unha selva é un deserto.

Cómo ha ser unha selva este baleiro?

O meu cerebro coma unha máquina coidadosamente hidráulica

inventa o argumento dos "Pazos de Ulloa" para as horas mortas.

Calquera cousa e son lanzada contra a parede,

e non dun xeito erótico (oxalá),

de feito o erotismo en min está morto.


Está oco o meu corpo, colle unha man enteira

sen rozar as costelas nin nada

e non sei xa qué trato de engulir para encherma,

o semanario de programación.


E non consigo escribir, como se me apodrecesen os dedos, 

as ideas son moles bolsas de líquido,

mais consigo emocionarme con algún poema de Gloria Fuertes, 

que a nivel de forma non me entra moi ben.


A vida é unha cousa tras outra, e así pásanlle a unha o mesmo

os minutos que as mareas, pero nada aí fóra

me toca

nin eu a ela,

quizais se me disolveu a pel.