lunes, 3 de febrero de 2020

Reescribir poemas.

Reescribir poemas, what a concept.
Como se un puidese reescribir o sangue.
Como se a realidade que bebimos non existise.
Que maldito terror desdebuxar un momento que vai desaparecer como filigrana
salvo que o trague, o trague, o trague
nesta tarde.

Reescribir poemas, what a concept.
Como se os segundos
non pasasen por nós como escamas.
Como se tivésemos unha fileira de agullas
agardando a ser prantadas.
Como se quizais os botes
non conservasen, cheirentos
as realidades negras da existencia mixta.

Reescribir poemas, what a concept.
Que me da medo que desapareza a cara
e as mentiras.
Que non podo perder a pel ou as beberaxes absurdas
que bebín aqueles días pra morrer.
Que cada momento en min se pasa, que os poemas
me levan pola vida como escrava de nada,
como mártir de todo,
como sacrificio do corpo ante o recordo.

Perder todas as que fun,
un suicidio insistente e bochornoso
significaría reescribir poemas.

Ruta a Xanadu

Xa vives aquí
e non podo despegar a túa aura da parte de dentro da pel do meu brazo.
Nin raspando con coitelo.
Tampouco é que intente resistirme á corrente tan fría que me asolaga.
Penso cada día no que significa ter os pulmóns cheos de auga
e por fin
respirar.
Penso cada día na densidade eléctrica que me rodea.
Cando trouxeches aquí este mar?
Non o sei, só que existe.
Trouxeches aquí este mar e a furia das rochas golpea en faíscas de ferro.
Machaca ese ferro ata que por desgaste
se volva animal
e se me refregue pola perna.
Machaca ese ferro ata chorar.

Xa vives aquí e as luces iluminan un estado vagamento coñecido.
Os pálpitos de suficiencia fican calados a berros.
Sorrío pra min mesma, corro pra min mesma, canto pra min mesma.
Non necesito facer nada.
Todo o que non é se extingue porque a realidade
impón o seu xugo.
Como se impón a marea e o aire quente da túa boca.
Como se impón o mundo ante as miñas mans
para que o toque.

viernes, 24 de enero de 2020

One of many letters.

O meu amigo verde bébese a grolos sobre as costras.
Xa non teño medo do futuro.
O futuro é unha nube branca que aparece coma as luces dun coche
e nunca souben vivir tan líquido como me esixo.
Agora este líquido me roe as entrañas.
Agora bebo desatascador corrosivo e os beizos se me descarnan.
Agora son a puta dun reptil de coiro e nunca me sentín tan viva.
Elimíname o sorriso, esnaquízame a gorxa, e quéreme, finalmente.
Quéreme sempre porque me dou ao mundo cada noite.
ÉS VELENO sempre o foches. Como podería vivir sen ti?
En que clase de zombi me convertiría entón, morta sen índigo baixo as unllas.
Tódolos seres deste mundo que non viven nin no concreto nin no absoluto. Tódolos seres deste mundo que non viven nin no concreto nin no absoluto.
Son desprezables, cada un deles, son tan patéticos...
Bébese a grolos sobre as costras e o todo me corroe por entre as veas e os trozos de min que ficaron entre os teus dentes.
Nunca máis, nunca máis.
Prométoo.
Nunca máis.
Nunca máis ese sorriso.

lunes, 20 de enero de 2020

Death is a friend.

Esquece a metafísica das baleas nena porque só és carne.
Esquece tódolos ferros que tiveches nas pernas porque nin dabas
camiñado.
O teu pelo non é verde e ti xa non te mintes. A obra dunha soa personaxe rematou e podes abrir os malditos ollos.
Ti sabes que aquí se deu unha vida por outra, que saíches chorando para demostrar
que respiras.
Sabes que se deu unha vida por outra e que xa non necesitas actuarte para existir.
A crueldade finalmente pode zumegar dos teus poros e podes sinalar con tinta tódalas esquinas deste cosmos que te captura e te delata. A quen tes gana de morder agora? Todo é tan sinxelo que asusta.
Asusta o xeito no que se acenderon as luces e nin sequera sabes con qué extremidade lles deches por accidente.
Asusta desnaturalizarse moito máis do que asusta morrer.
Cando vas entender que non hai nada en ti que poida degradarse?
Vives eternidades e logo, nada. E logo aprodreces e non terás que velo.
É simple, grábao na cabeza, como bailar.
Death is a friend, death is a friend, death is a friend,
'cause it's her fault you are alive.
Esquece a metafísica das baleas, porque só és carne e tan só debes darte ao mundo e que morda en ti. Escribe sobre a metafísica do sangue, que é líquido como auga bendita.
Escribe sobre o sangue e tódalas cousas marabillosas que ven os teus ollos.
Dime nena, como se sinte deixar de ser unha pantasma?

viernes, 17 de enero de 2020

Se eu morrese hoxe

Se eu morrese hoxe estaría todo ben porque te coñecín.
Adoitaba pensar algo semellante fai tempo, antes de verche os ollos,
cando o número do meu tempo era dazasete e aínda faltaba
vida
sen sabelo.
Pero a cousa é que a existencia aínda seguía do outro lado e os meus brazos e pernas son máis fortes,
e xa nada me da pereza
como unha operación a peito aberto.
A cousa é que te coñecín e agora iso é real, e como é real é necesario, e como é necesario a miña vida non rematou aos dazaoito como me tería gustado.
Porque todo o que existe existiu sempre, e o que non existe agora nunca existirá. A realidade é toda e imos bebendo vaso tras vaso de auga .
As cousas son ou non son, e ti és e como és estás marcado polos meus dedos en pinturas de guerra.
Ti és e o presente é, o mundo completouse e xa podo morrer, agora e non antes, pola natureza mesma das cousas.
Estes días vinte rir e presentarte como sal no camiño,
desembarazandote das costras,
facéndote a vida cos dedos.
E ata que non te deixei baixo a luz da noite non puiden
sentir tódalas células que me conforman encaixarse, saber
que nese mesmo segundo
podería caer morta
porque xa te coñecín.

jueves, 16 de enero de 2020

Mandarines.

como xogando
e aparecimos.
como chorando.
e nada importa, dígoche que nada importa
porque ti sabes ben o difícil que é vivir no agora
como xogando.

non teño nada que pedirte, só me quedo
pola risa.
só me quedo
polas células que desprendes ao teu redor como amarelas.
porque todo é fluído como un xogo de mans
só me quedo
e non me importa

non temos nada que perder, só estamos gañando
cando a túa boca se atopa ca miña
cando as horas pasan e os segundos fican flotando.
estamos cheos e pouco a pouco ímonos baleirando.
estamos cheos ca promesa de todo o que queda por descubrir
e nin sequera iso me importa.
non temos nada que perder.

eu só vexo nisto un xeito do meu corpo
de dicirme que está enteiro, de dicirme
que vivo nas miñas mans como soños,
que me abandono sen dificultade,
que é hora
de que remate de medrar.

eu só vexo nisto un xeito do meu corpo
de dicirme que te quere.

jueves, 5 de diciembre de 2019

y'know?

Sabes cando a escuridade e o silencio?
Cando as luces e o frío e a forza nos cotenos apretados?
Sabes?
Cando a realidade volve ter sustancia e deixa de ser un segundo plano.
Cando todo se descontrola tanto que comezas por fin
a vivir.
Sabes?