viernes, 17 de enero de 2020

Se eu morrese hoxe

Se eu morrese hoxe estaría todo ben porque te coñecín.
Adoitaba pensar algo semellante fai tempo, antes de verche os ollos,
cando o número do meu tempo era dazasete e aínda faltaba
vida
sen sabelo.
Pero a cousa é que a existencia aínda seguía do outro lado e os meus brazos e pernas son máis fortes,
e xa nada me da pereza
como unha operación a peito aberto.
A cousa é que te coñecín e agora iso é real, e como é real é necesario, e como é necesario a miña vida non rematou aos dazaoito como me tería gustado.
Porque todo o que existe existiu sempre, e o que non existe agora nunca existirá. A realidade é toda e imos bebendo vaso tras vaso de auga .
As cousas son ou non son, e ti és e como és estás marcado polos meus dedos en pinturas de guerra.
Ti és e o presente é, o mundo completouse e xa podo morrer, agora e non antes, pola natureza mesma das cousas.
Estes días vinte rir e presentarte como sal no camiño,
desembarazandote das costras,
facéndote a vida cos dedos.
E ata que non te deixei baixo a luz da noite non puiden
sentir tódalas células que me conforman encaixarse, saber
que nese mesmo segundo
podería caer morta
porque xa te coñecín.

No hay comentarios:

Publicar un comentario