lunes, 3 de febrero de 2020

Ruta a Xanadu

Xa vives aquí
e non podo despegar a túa aura da parte de dentro da pel do meu brazo.
Nin raspando con coitelo.
Tampouco é que intente resistirme á corrente tan fría que me asolaga.
Penso cada día no que significa ter os pulmóns cheos de auga
e por fin
respirar.
Penso cada día na densidade eléctrica que me rodea.
Cando trouxeches aquí este mar?
Non o sei, só que existe.
Trouxeches aquí este mar e a furia das rochas golpea en faíscas de ferro.
Machaca ese ferro ata que por desgaste
se volva animal
e se me refregue pola perna.
Machaca ese ferro ata chorar.

Xa vives aquí e as luces iluminan un estado vagamento coñecido.
Os pálpitos de suficiencia fican calados a berros.
Sorrío pra min mesma, corro pra min mesma, canto pra min mesma.
Non necesito facer nada.
Todo o que non é se extingue porque a realidade
impón o seu xugo.
Como se impón a marea e o aire quente da túa boca.
Como se impón o mundo ante as miñas mans
para que o toque.

No hay comentarios:

Publicar un comentario