Dixechesme que era auga e tiveches que ver
tódalas pezas de min recompoñéndose en comisuras.
As cordas que me conforman como videiras nas raíces
nas que cargo tódolos cervos e flores, eternidades e pantasmas.
Cunha inclinación me miran e non teñen
fame entr'os seus ollos
nin o máis mínimo medo da ferruxe que os consome,
nin esperanzas, nin terra de aluguer.
Que cando movo un dedo non movo o meu dedo,
móveno todas aquelas que me conforman.
Que inda que xamais a coñezas bicas os seus bicos e a escoitas.
A pesar diso dividinme en dous
como o home que eterno se mata a cada instante,
e tan só pra probar o meu punto che direi:
dime que me queres a min
tanto coma ao leite con galletas
e a deus un pouco menos que a min.
Como non coñeces as historias
todo para ti arrecende igual.
Dixechesme que era auga e tiveches que verme
acumularme e desfacerme
nesa choiva.
No hay comentarios:
Publicar un comentario