Dixen moitas veces que quería morrer xoven.
Os recordos pésanme como un tren de cousas usadas ás que querer, non imaxino que se poida chegar moi lonxe. Ademais sobrevivirche sería tan duro, metida nun edificio limpo ou no baúl da melancolía, agardando que o tempo remate para disolverme. Non existe a morte natural.
Pero quizais chegar a vello é o teu premio despois dunha vida complicada e dexenerativa.
E quizais cando chegas a vello déixanche ser libre mesmo dos teus propios medos.
Quizais tamén che deixan ser libre das cousas aprendidas, menos das importantes.
Quizais o máis parecido a ser neno sexa ser vello.
Quizais o máis parecido ás primeiras veces sexan as derradeiras.
Quizais volva a sentirme nerviosa no derradeiro bico, e ti tamén, quizais.
Quizais pague a pena despois de todo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario