miércoles, 20 de enero de 2021

Nados para a guerra

 Oxalá non sexamos felices

e a desgracia se nos acumule na boca pastosa e nos tinte a pel toda

e teñamos que chorar sosa para corroela,

igual que me seca a boca cando a teño moito rato aberta.

Oxalá non teñamos remedio

e vivamos coma cans recollidos nunha cova de arxila vermella

e teñamos que cheirala herba para atopar o camiño

e vivamos sempre lixados de terra

e fodamos coma cans mentres nos morren os trens.

Oxalá non teñamos acougo

e as montañas fiquen aboiadas polas nosas pernas ao saltar ao baleiro

que non teñamos nunca paz nin sosego

e manteñamos sempre tensa esta corda que nos esgana o sangue.

Oxalá me mates alomenos unha ducia de veces

e craves mil cravos no meu ventre estéril

ata que mane a auga escura das noites e as cidades

ata que volva crer na miña estúpida vida

e na túa

nesta guerra sen descanso para a que nacemos.

jueves, 29 de octubre de 2020

The cut that always...

Non direi que non agardaba que me atravesásela gorxa: agardábao.

Agardábao agazapada en cada momento.

Desexábao como se fose gando pra sacrificio

e co meu sangue acenderase a pira que sostén a miña existencia.

Hei renacer e vivir constantemente como un intermitente.

 

Non estás orgulloso abondo deste destrozo, destas ruinas.

Faltoume un desexo feroz, unha crueldade no sorriso.

Faltoume que empuñases con decisión o coitelo en vez de darmo

nas mans frías polo sol de novembro que axexa.

 

Supoño que é un xogo superior, un sacrificio supremo

a proba dun tendón de aceiro

a proba de gloria e a morte e a paixón.

Que non existe entrega semellante, como dous cadelos que xogamos a perseguirnos en círculos, mordéndonos as patiñas, 

chorando polas noites.

 

Mais non creas que non sei o que fixeches

mirándome dese xeito polo buraco da pechadura da porta

mentres eu me desangro no teu beneficio

mentres te firo para aliviarche deste tedio.

 

Non te compadezo amor, non te compadezo: ódiote.

Non te compadezo, porque te quero.

miércoles, 14 de octubre de 2020

Carta para Doru.

En realidade cústame saber qué dicirche. Que estou somewhat enfadada co mundo. Que as cousas son ruinosas. Estou fundamentalmente enfadada porque todo sexa unha pelexa constante contra o ritmo das cousas.

Se son eu mesma e trato de ser real nese sentido, de deixarme levar polo que me dicta o corpo, é unha constante loita contra todo o que existe. Teño unha vontade de ferro. Se quixese abandonarme ao curso das cousas e non pelexar, entón tería que pelexar contra min mesma, un esforzo constante por ser quen non son. Non podo gañar.

Supoño que o feito de que a vida sexa unha loita constante ten certo sentido, senon aburriríamonos. Os seres humanos sempre estamos intentando buscar problemas, cousas que resolver e que nos manteñan ocupados. Supoño que está ben se decidimos que o problema é imposible e existencial e dalgún xeito atopamos nelo motivos para seguir intentándoo. Quizais o único motivo para seguir intentándoo sexa ese, que non podemos conseguilo. Quero dicir... imaxina que puidéramos resolvelo todo e ficar en paz absoluta. Imaxina que a vida fose un enorme puzzle e nada máis houbese cando o resolves. Poñerías a última peza?

Só nos esforzamos en atopar a solución a todo porque é imposible. Querémola e non a queremos. Se fose posible atopala fuxiríamos, aterrorizados pola perspectiva de aburrirnos durante o resto da nosa existencia. Supoño que por iso me gusta Camus. Plantexa a vida coma unha loita constante e inútil. Un sabe que non se pode gañar, pero só iso fai posible a liberdade de pelexar con tódalas forzas que temos, descargar contra elo todo o que somos, sabendo que non imos facer nin un rasguño ao entramado do universo. Nada fundamental vai cambiar e somos libres de gritar e golpear por toda a existencia. Menudo alivio.

E así nacen as obras de arte, as relixións, o amor, a filosofía e a ciencia... así nace a propia existencia. Nace de que estamos enfadados, frustrados, decepcionados... pero fundamentalmente: aburridos.

Todo o que me fai medrar neste mundo é aquelo que me alimenta e aquelo que me confronta, pero de tal maneira que non ceda baixo a miña enerxía. Necesito límites e muros, necesito todo aquelo que non son eu nin se amedrenta ante min para que poida crecer, por asimilación ou oposición segundo o caso.

E necesito tamén a amabilidade da aceptación. Saber que podo estar tranquila nesta confrontación porque ao final a realidade vaime acoller no seu seo. Necesito que a realidade me confronte e me acepte, nesta contradicción esencial que é existir. Supoño que estou ben dende que me din conta de que, efectivamente, a realidade é isto. É todo o que buscaba, esta loita sen tregua, este medrar. O mundo debe ter límites para que eu non os teña.


miércoles, 30 de septiembre de 2020

The same old fears.

Todos estes anos, e qué atopaches?

Eu atopeite a ti, no medio das miserias.

Atopeite mesmo no recordo dun soño, nunha foto na que tiñas o sorriso grande, unha foto doutro tempo.

De qué estamos tan asustados? Non o sei.

Temos que mancarnos e logo

destruírnos.

Non temos nada mellor que facer, tanto se cres nelo como se non.

E pensas que sabes distinguir o ceo do inferno.

Que chegaches ao máis alto ou fuxiches do máis baixo.

Eu tan só estou aquí agardando o día no que sintas este veleno que

sen sabelo

nos está roendo as carnes.

Non somos diferentes, iso é o triste.

Non somos diferentes.

Buscas cas mans entr'as nubes como se fosen a darche algo máis

que o que che da o pó que nos manca.

Como se fosen a darche algo máis ca min.

Porque teremos medo cada segundo de existencia, especialmente antes de morrer,

apóstoche que teremos medo.

E non hai rezos que nos salven como a María Magdalena.

A pel queima e, mentres tanto, agarda agazapada o día. 

Ese día.

viernes, 18 de septiembre de 2020

Un problema tras outro etc.

Despregando ante min os vermes dos meus beizos, non me asfixio.

Repito: non me asfixio.

Mañá pola tarde iremos a pegar carteles a unhas rúas molladas prepandemia.

A verdade é que nunca fun a pegar carteles.

Disme algo e eu só quero oírche sangrar, 

quero oírche.

Quero que o mundo berre.

Tal vez se berra o mundo non escoite

os vermes.

domingo, 16 de agosto de 2020

A ver se me enfría o café.

 Cando estou triste, verdadeiramente, como agora

mentres agardo a que me enfríe este café salvador

e me come a angustia e soidade de algo que non coñezo aínda

e nunca coñecerei,

desexo estar chorando as ausencias doutra eu,

as ausencias que un día a desgarraron e a tragaron no baleiro,

para ver nas miñas bágoas patéticas as súas

e, para qué mentir, pra sentir que choro polo que xa foi

en troques

do que será.

¿E se cando te miro aos ollos o que vexo

é un amor de moitos anos,

o amor que non puido ser,

e agarrándoche as manciñas atopo que estou

cumprindo algún tipo de desexo do corazón

de aquela que fun, noutro tempo, noutro sitio?

¿E se atopo nelo o consolo de deixar diante de min

todas aquelas ausencias que chorei

ata que a miña gorxa foi unha casca seca e rasposa

e non quedou en min un gramo 

de

vós?

Odio as vidas interminables, extendéndose cara atrás e cara diante. Tan só quero un lume pequeno que me acolla

despois dunha viaxe.

Non me arrofriou o café e sigo sentindo sobre as miñas as túas mans

e pensando en qué sentir

qué mentir

e qué chorar.

Pensando nesta carreira da vida e o amor,

en quén me abandonará primeiro.

lunes, 13 de julio de 2020

No río.

Temos o medo á tempestade
na calma trala loita.
No cambio de século.
Na vida que nos roubaron.
É tan simple agonizar, é tan frouxo o lastimarse.
É tan tenro o medo que inunda os teus ollos
e pérdoche tanto respeto.
Qué facemos se non aprendemos a agarrarnos aos nosos?
É a soidade endémica da túa pel?
Son as risas o único xeito de infortunio?
Búscame sempre porque xa non busco
a ninguén.

Teño en min tódolos astros e penso
que as unllas suxas non me devolven as horas.
Estaba condenada a unha enfermidade da nostalxia,
ti estás condenado ao que non tes.

Cincocentas lúas pasaron e a vida
pártenos pola metade.
Destrozas as eivas que deixamos,
destroza as nosas peles detrás.
Quizais un día co sabor
a sangue no fondo da gorxa
sigamos a crer cegamente
no que nunca seremos.