miércoles, 30 de septiembre de 2020

The same old fears.

Todos estes anos, e qué atopaches?

Eu atopeite a ti, no medio das miserias.

Atopeite mesmo no recordo dun soño, nunha foto na que tiñas o sorriso grande, unha foto doutro tempo.

De qué estamos tan asustados? Non o sei.

Temos que mancarnos e logo

destruírnos.

Non temos nada mellor que facer, tanto se cres nelo como se non.

E pensas que sabes distinguir o ceo do inferno.

Que chegaches ao máis alto ou fuxiches do máis baixo.

Eu tan só estou aquí agardando o día no que sintas este veleno que

sen sabelo

nos está roendo as carnes.

Non somos diferentes, iso é o triste.

Non somos diferentes.

Buscas cas mans entr'as nubes como se fosen a darche algo máis

que o que che da o pó que nos manca.

Como se fosen a darche algo máis ca min.

Porque teremos medo cada segundo de existencia, especialmente antes de morrer,

apóstoche que teremos medo.

E non hai rezos que nos salven como a María Magdalena.

A pel queima e, mentres tanto, agarda agazapada o día. 

Ese día.

viernes, 18 de septiembre de 2020

Un problema tras outro etc.

Despregando ante min os vermes dos meus beizos, non me asfixio.

Repito: non me asfixio.

Mañá pola tarde iremos a pegar carteles a unhas rúas molladas prepandemia.

A verdade é que nunca fun a pegar carteles.

Disme algo e eu só quero oírche sangrar, 

quero oírche.

Quero que o mundo berre.

Tal vez se berra o mundo non escoite

os vermes.

domingo, 16 de agosto de 2020

A ver se me enfría o café.

 Cando estou triste, verdadeiramente, como agora

mentres agardo a que me enfríe este café salvador

e me come a angustia e soidade de algo que non coñezo aínda

e nunca coñecerei,

desexo estar chorando as ausencias doutra eu,

as ausencias que un día a desgarraron e a tragaron no baleiro,

para ver nas miñas bágoas patéticas as súas

e, para qué mentir, pra sentir que choro polo que xa foi

en troques

do que será.

¿E se cando te miro aos ollos o que vexo

é un amor de moitos anos,

o amor que non puido ser,

e agarrándoche as manciñas atopo que estou

cumprindo algún tipo de desexo do corazón

de aquela que fun, noutro tempo, noutro sitio?

¿E se atopo nelo o consolo de deixar diante de min

todas aquelas ausencias que chorei

ata que a miña gorxa foi unha casca seca e rasposa

e non quedou en min un gramo 

de

vós?

Odio as vidas interminables, extendéndose cara atrás e cara diante. Tan só quero un lume pequeno que me acolla

despois dunha viaxe.

Non me arrofriou o café e sigo sentindo sobre as miñas as túas mans

e pensando en qué sentir

qué mentir

e qué chorar.

Pensando nesta carreira da vida e o amor,

en quén me abandonará primeiro.

lunes, 13 de julio de 2020

No río.

Temos o medo á tempestade
na calma trala loita.
No cambio de século.
Na vida que nos roubaron.
É tan simple agonizar, é tan frouxo o lastimarse.
É tan tenro o medo que inunda os teus ollos
e pérdoche tanto respeto.
Qué facemos se non aprendemos a agarrarnos aos nosos?
É a soidade endémica da túa pel?
Son as risas o único xeito de infortunio?
Búscame sempre porque xa non busco
a ninguén.

Teño en min tódolos astros e penso
que as unllas suxas non me devolven as horas.
Estaba condenada a unha enfermidade da nostalxia,
ti estás condenado ao que non tes.

Cincocentas lúas pasaron e a vida
pártenos pola metade.
Destrozas as eivas que deixamos,
destroza as nosas peles detrás.
Quizais un día co sabor
a sangue no fondo da gorxa
sigamos a crer cegamente
no que nunca seremos.

viernes, 10 de abril de 2020

Teenage love.

Téñoche todo todo todo metido no cerebro.
Téñoche todo gardado na extensión da miña pel
como se a puxeses estirada toda sobre a cama
e contivese tódolos segredos do mundo
só porque unha vez a tocaches.
Teño nas tripas cada forma
dos teus dedos meténdose no meu ventre violentamente
para cambiar tódalas cousas que non deixan pasar a auga
para sentir tódolos segundos cos meus ollos e non outros.
Estás atrapado aquí como nun doce inferno.
Non hai xa nada que facer.
Porque me impactaches o mesmo que unha canción adolescente.
Porque puiden borrar dun só golpe tódolos periódicos e as
horas subastadas a esta vida de merda.
Dime cando tempo o meu corpo che vai conter inda que
queimes como lava.
Dime canto tempo me vas conter e liberarme polo espacio.
Dime canto tempo nos cravaremos os dentes ata sangrar.
Eu digo que para sempre para sempre para sempre.

Growing old

As palabras nunca saen cando é máis adecuado.
Porque cando é máis adecuado as tripas rompen coma herbas no camiño.
E eu quero que me digas que estou aí contigo.
E eu quero que me digas que estás aquí comigo e
que todas estas luces non nos ameazan.
Eu quero que creamos nas historias e nos mapas que debuxamos nos brazos
para recordarnos tódalas cousas que sentimos
pero xa non queremos dicir.
Tódolos alentos que nos roubaron os anos.
Tódalas cancións que xa non nos sonan ben.
E así e todo, neste encerro de mil anos
con mil segundos abxectos supurándome polos poros,
eu quero ir alí e arrincarme o corazón
ese corazón novo, brillante e lustroso
para que non teñas que soportar estas medias verdades,
este sangue descafeinado,
este periódico vespertino.
Para que poida darme como me dou ás béstas famentas
e que xa non quede nada.
Quero quererte como sei que quero.

lunes, 16 de marzo de 2020

Yesterday's apocalypse.

Perdóname por traerte aquí, a esta cidade sen futuro. Arrastraremos os pés nús e fríos entr'a cinza. Deixa que este inverno che morda. Este inverno frenético. Este inverno de gasolina e 7/8. Atoparaste aquí, nesta cidade sen futuro. Ou perderaste máis, tanto ten, logo de tantos anos os meus ollos cansos non coñecen a diferencia. Só coñecen a euforia de respirar o xeso e a auga lixada das portas. Só coñecen os cascallos nacendo entre nós como flores. Todo tipo de monstros viven na cidade. Todo tipo de criaturas arrostran o chan canda elas se nada xa que perder... nin que gañar. Son os supervivintes dun pasado ardente, onde os cumios das montañas caeron sobre as nosas cabezas. Onde as nubes eran enxames de paxaros precipitándose sobre o baleiro. Onde cada paso que dabas foi unha danza cada o inferno. Onde a vida che agardaba en apenas partículas que foron regos que foron mares que foron o sangue do teu corpo e as estradas. Os edificios tan crebadizos que semellan leña baixo o peso da sequía. E porén, o denso mar asolaga. O nivel da auga ou ben é deserto ou ben nos chega ate os xeonllos. Vexo como colles cas mans a auga e a botas pra a cara. Porque xa recoñeciches esta cidade e o seu bautismo. Porque sorrís finalmente nesta cidade sen futuro. Porque o único que queda é o mañá.