viernes, 28 de abril de 2017

Entre o centeo.

Silencio nas árbores.
O aire pesado dunha ausencia
como cando na película un ruído branco enche os ouvidos pra xerar tensión.
Como cando na película un ruido branco enche os ouvidos pra ser acolledor.
As árbores móvense e retórcense pra inxectarme as veas de adolescencia.
As palabras, as follas de papel reciclado con números romanos, dúas tabletas de chocolate e cancións entre as mamparas.
Cancións escuras e densas coma auga de noite.
Así sinto todo tanto que é incrible.
Así sinto todo tanto que morro un pouco.
Así sinto todo tanto que me corro e berro e río.
Así non cambiaría por nada este tempo
de dous nenos correndo entre o centeo
ao bordo do precipicio
sen nada que perder.

miércoles, 26 de abril de 2017

Nunca nada.

A incertidume, non é tanta cousa.
O agónico é a inmutable
e penetrante distancia.
Ter unha pantasma que se esvae na esquina.
A rabia xorda, a maxia.
O imposible que supón agora mesmo
barrer as follas de novembro. 
Nada dura para sempre, repito
nada dura para sempre
nin a chuvia de novembro.

martes, 25 de abril de 2017

A resistencia.

Cando chega á porta mesma da túa casa e che golpea
coa furia dun látigo vello coma o tempo
a guerra comeza.

Todo está en ruinas nunha paraxe poirenta e fría coma a lúa.
Os estrategas lanzan misiles e organizan naves nodrizas pra espallarse,
engrandecerse.
Os estrategas saben,
son anciáns sabios con grosas cicatrices nos ollos
por tódalas batallas ganadas.

Dentro de máquinas robóticas levantan grandes troncos e vociferan
tanta lóxica, tanta lóxica mata
mata pola supervivencia.

Un home, quizais un neno,  coa cara suxa, alto, delgado, como nunha novela.
A roupa rota e así e todo, unha forza suicida que levanta a terra
ao seu paso.
Non escoita, non escoita, só berra mentres carga contra ela.

El é a resistencia.

sábado, 11 de marzo de 2017

Carta de amor efímera.

Escribo esta carta cando debo, cando aínda existe.
Dende o fondo da emoción dunha América rescatada,
escribo
expóñome ao medo
e escribo.

As metáforas (como a de América) sirven moi ben para ocultar.
Para rasgar a realidade e insinuar, velar, estafar.
Para non expoñerse.
Por isto, loitarei contra os monstros que me dominan
ata pulir un relato limpo e fondo
como un mar embravecido.

Estabas cunha calma e contigo.
Ti estabas.
E non podes imaxinarte canto tempo facía que non estabas.
E non podes imaxinarte cando tempo facía que eu non estaba, para verche.
E como nun xogo de cara ou cruz os anos tiveron que pasar
sen que nunca estivésemos ti ou eu
completamente presentes.

Mais esta noite estabas completamente presente.
Eu estaba completamente presente.
E souben entón que dun xeito retorto, distinto
ao que moitos entenden
és o amor da miña vida.

Cando digo "o" (véxome na obriga turbada de aclaralo)
non estou pensando nunha parcela que debe ser ocupada
non penso nun título que deba ser outorgado
non penso nun contrato que deba ser asinado
penso en emoción pura, plural, misteriosa e xamais excluinte.
Penso en cómo as cousas son, e serán, coa intención de que outra vez
ti estes totalmente presente
e eu este totalmente presente.

Como isto é unha carta de amor efímera
efímeras serán tamén as crenzas irracionais que virto nela
como pensar que és esencial, como a auga
que ti e mais eu xamais nos separaremos
que temos, en fin, unha historia.
Que sentimos cada un unha parte irregular dunha liña que se xunta.

Esta noite era tan tarde e brillabanche os ollos
e brillábanche as palabras
e era todo tan real, sinestésico, como un chute de algunha droga que acelera coa música.
Eu quixen con tódalas miñas forzas bicarche
sen moito xeito, só o xesto
transmitir a forza e o agradecemento.
Ameite tanto por un momento dun xeito voraz e sen pretensións.
Quería ter alomenos iso, tan tanxible,
e detrás das emocións fondas e longas de explicar, quizais
simple excitación sexual, automática, básica
como unha máquina.

En lugar diso camiñei ata aquí.

viernes, 4 de noviembre de 2016

Cando non che firen.

Cando non che firen és forte coma a torre dun castelo
e pechado coma a noite, agardas inquedanzas que non veñen.
O lume dos teus ollos fica escuro e feble e o xeo caeche das tempas
coma un muro de incursión imposible.

Cando non che firen non sabes o xesto, a palabra, a traizón
que rompe as almas tenras de outra xente.
Non habitas a maldade mais
a bondade
é un conxunto de etiquetas.

Cando non che firen és perigoso como un veleno que se extende,
como un desastre natural que non sabe que por onde pasa
non volve medrala herba.

Cando non che firen dasme medo.



Por qué é enton que intento non ferirche?

domingo, 18 de septiembre de 2016

Un lugar onde non chegan os coches.

Hai un lugar onde non chegan os coches.
Hai lugar onde os medos sospiran
e se disolven.

E quizais saibas nun remoto recordo que
cando eras neno
ias ao lugar onde os coches non chegan.

Nas nosas urbes de asfalto e cheirume
borramos as caras para ficar ás escuras,
cheos de máscaras.

A da oficina, a do xefe, a da tenda da esquina,
a dos colegas no bar
todas desaparecen onde os coches non chegan.

Por iso hoxe mentres respiras e tómalo café
tralo periódico fíxate, hai un aquel no cristal.
Queres entrar, non podes agardar a visitar
aquel lugar onde os coches non chegan.

Para conservar a cordura no mundo
e facer xirar as cousas no aire
para encher as pálpebras de algo máis ca un aire crú
por favor corre deseguida
ao lugar onde os coches non chegan.






jueves, 10 de septiembre de 2015

Cando ti non estás.

Que felicidade o primeiro segundo
no que as túas mans frías non se entrelazan no meu peito.

Que dita ese alento fresco e confiado
e os saúdos alegres do can na casa
cando ese día vou almorzar.

A calor da cunca de cacao sobe ás meixelas
cando un bico de sol che mantén lonxe.

As follas murmurian e xoguetean baixo os zapatos de outubro
cando ti non estás.

Se extendo os brazos e a brisa move o meu pelo
sinto un voar de mel e ledicia
cando nas costas non me pesas.

Eses días de tesouro e caracolas
gárdoos no fondo da gorxa, escribo poemas cheos
de animaliños, choro as estrelas da noite
que atopo nas pozas, planto avelaíñas e historias
para os corazóns inocentes.

Vaite pois, miña sombra sen cores,
miña arpía malfadada, enxendro da memoria.
O peso dos meus pasos, meus grilletes, miñas horas.

Vaite e que nunca mais che colla.