lunes, 28 de octubre de 2013

As-tu déjà aimé?


Amaches algunha vez?
Tiveches o medo no corpo
de outro corpo ao teu carón?
E pensaches en donde levan os delirios
e non che importou?
Quizais é todo iso
que comen os mortos
e quizais estou morta de medo
ante un frío devastador
e quizais tamén penso cada día, mentres collo o bus
en que pode ser todo mentira
en que o mundo pode ser
só cousas que se moven e xiran.
E se non teño dentro
un animal vivo?
E se un día todo se esvai? en qué me refuxiarei
cando chova e non haxa
romanticismo ao que acudir
senon unha seca realidade.
E se un engado colectivo
nos fai crer nun truco de mago
que adiviña un as vermello.
E se teño tanto medo que non respiro
e tes que vir a darme aire aos beizos mesmos
e a inocencia dos teus ollos
dame a felicidade na man como
unha mazá madura.
E se non me importa nada
mentres non nos vaiamos de aquí
e poidamos seguir sinxelamente
camiñando cos pés na area
tocando a calor cos dedos.
E que é real entón?
Isto é real entón.

sábado, 5 de octubre de 2013

Non me vou ir, pero dame tempo.

Non me vou ir
pero dame tempo.
Porque non sei quen son e odiarte é fácil.
Porque non saben os días o que virá despois.
Porque teño medo de situacións arriscadas
que eu mesma provoco pola miña torpeza.
Porque teño medo dun par de cartulinas e
de non poder construírme unha casa.
Porque de todo teño medo
e a aínda así teño máis do que nas mans me colle.

Non me vou ir pero dame tempo
a que sepa entender o sufrimento alleo
e o propio
a que sexa forte e non me tambaleen os ollos
da xente
e non me desespere con miña desesperanza
e non siga fuxindo
e non me fagas dano.
A que vexa por dentro dos peitos e non chore
tanto
e non sinta que todo se desmorona a cada rato.

Non me vou ir pero dame tempo
a afacerme a algo que me manca
como unha pedriña no pé, dende fai moito, na miña bota
sen darme conta.
A coñecer o que penso
e se me gusta Alex Ubago
a comprender o que hai dentro das migrañas como grutas
que me horadan.

Non me vou ir
pero, por favor, dame tempo.

domingo, 1 de septiembre de 2013

(Do poema anterior que foi atopado.) Se un día eu me erguese.

Se un día eu me erguese e decidise que me vou,
e recollese as miñas cousas e me vestise, 
e lavase os dentes 
e tirase os condóns usados, e gardase 
os meus libros 
e chamase polo monstruo cruel, e bebese un colacao
para levar dentro algo quente. 
 
Se cruzase a porta e notase a dor infernal 
dos teus dedos arricándome de min
porque segues durmido e non me soltaches 
e collese o ascensor para non desangrarme 
polos tres pisos de escaleiras
e non darlles máis que limpar aos veciños. 
 
Entón eu xa non sería máis eu e morrería na rúa, 
tirada a uns pasos do bus 
e o cocodrilo almorzaría ben esa mañá.
 
Entón espertarías e eu estaría deitada ao teu carón.

sábado, 31 de agosto de 2013

Deixame abrir os ollos e ver a túa cara.
Deixa que coloque cada mañá a túa pel.
Deixa que me equivoque a veces
e que a veces o olor a alcohol se desprenda de ti.

Deixa que me equivoque a veces escollendo as palabras,
atopando os pedazos da túa lingua.
Deixa que me refuxie a veces
e ser ás veces o teu refuxio
contra tódolos monstros que queiran cravarche os dentes.

Deixa que perda o control
e que comprenda a túa calma.
Deixa que che de todo o que teño
a cambio do teu acubillo.
Deixa que gaste o tempo da miña vida
en comprender eses grandes ollos.

Deixame que che diga que a verdade
é que xa non estamos sós.

viernes, 9 de agosto de 2013

Everlong.

everlong...
sona imposible a eternidade se hai morte
pero ti estarás o día da fin do mundo
e eu ao teu lado, agarrareite a man.

sempre...
e sei que ti sintes igual
e que os dous teremos as nosas vidas
os nosos amores (os de verdade, de emocións na gorxa e inmolacións e bolboretas e compartir a vida)
os nosos fracasos, traballos, cidades
pero agarrarémonos da man
e ti darasme un bico dubitativo que gardarei
mentres eu che dou un cento que esquecerás.
E será de noite, na area da vida
(todo moi decadente e típico de ti)
e os dous respiraremos libres, no filo
no piso compartido que xa coñecemos.
Respiraremos tanto para volvernos animais humanos
con ganas de festa ou de chorar, tanto ten,
pero xuntos, sempre xuntos mentres as nosas almas espidas foden nun sofá.

E a fin de mundo chegaranos ao lado dos que máis queremos
abrazados aos nosos cachorros, agardando a morte,
collidos da man, nun pequeno espazo de pel
no que iso non doe, porque é a fin do mundo
e estamos alí.

sábado, 20 de julio de 2013

(Sobre un poema anterior que hei de atopar...)

E hoxe, que sei que non perderei a ninguén
que me sinto segura sobre os meus pés
con toda a miña febleza
e que che digo sen dúbida cousas tontas.
E hoxe, que quero simplemente esquencerme do mundo
e que mañán e pasado mañán e ao outro tamén quererei facelo
que agradezo ter boas razóns para non saír da casa
e poder estar simplemente aquí.

E agora que me dou conta
de que nunca poderei darche de lado
inda que todo sexa peor
mesmo quizais inda que ti o desexes.

É agora cando me dou conta de que é certo iso de que
me gardas en ti
como me garda un poema
que non podo afastarme
porque de veras me desangrarei no ascensor
por non deixar as escaleiras porcas.

domingo, 7 de julio de 2013

Locura transistoria (extra confesional).

E o peor de todo foi
adorar o café, a herba, e soidade e a noite negra.
O peor foi darme conta
do adorable que era.