sábado, 5 de octubre de 2013

Non me vou ir, pero dame tempo.

Non me vou ir
pero dame tempo.
Porque non sei quen son e odiarte é fácil.
Porque non saben os días o que virá despois.
Porque teño medo de situacións arriscadas
que eu mesma provoco pola miña torpeza.
Porque teño medo dun par de cartulinas e
de non poder construírme unha casa.
Porque de todo teño medo
e a aínda así teño máis do que nas mans me colle.

Non me vou ir pero dame tempo
a que sepa entender o sufrimento alleo
e o propio
a que sexa forte e non me tambaleen os ollos
da xente
e non me desespere con miña desesperanza
e non siga fuxindo
e non me fagas dano.
A que vexa por dentro dos peitos e non chore
tanto
e non sinta que todo se desmorona a cada rato.

Non me vou ir pero dame tempo
a afacerme a algo que me manca
como unha pedriña no pé, dende fai moito, na miña bota
sen darme conta.
A coñecer o que penso
e se me gusta Alex Ubago
a comprender o que hai dentro das migrañas como grutas
que me horadan.

Non me vou ir
pero, por favor, dame tempo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario