jueves, 16 de enero de 2020

Mandarines.

como xogando
e aparecimos.
como chorando.
e nada importa, dígoche que nada importa
porque ti sabes ben o difícil que é vivir no agora
como xogando.

non teño nada que pedirte, só me quedo
pola risa.
só me quedo
polas células que desprendes ao teu redor como amarelas.
porque todo é fluído como un xogo de mans
só me quedo
e non me importa

non temos nada que perder, só estamos gañando
cando a túa boca se atopa ca miña
cando as horas pasan e os segundos fican flotando.
estamos cheos e pouco a pouco ímonos baleirando.
estamos cheos ca promesa de todo o que queda por descubrir
e nin sequera iso me importa.
non temos nada que perder.

eu só vexo nisto un xeito do meu corpo
de dicirme que está enteiro, de dicirme
que vivo nas miñas mans como soños,
que me abandono sen dificultade,
que é hora
de que remate de medrar.

eu só vexo nisto un xeito do meu corpo
de dicirme que te quere.

jueves, 5 de diciembre de 2019

y'know?

Sabes cando a escuridade e o silencio?
Cando as luces e o frío e a forza nos cotenos apretados?
Sabes?
Cando a realidade volve ter sustancia e deixa de ser un segundo plano.
Cando todo se descontrola tanto que comezas por fin
a vivir.
Sabes?

miércoles, 27 de noviembre de 2019

Hoxe dixéronme que non te quero.

Hoxe dixéronme que non te quero.
Que se non te ato é que non te quero,
se non quero subir contigo as escaleiras
e percorrer o camiño que ambos odiamos
é que non te quero.
Se non deixo que me ates os pulsos nas costas
se non quero comerte a alma con estes ollos chorosos
é que non te quero.
Porque ás veces amo a outros,
porque me fai feliz que ames a outros,
seica non te quero,
e que se non restrinxo, se non cumplo,
se non me axusto a bodas e galanas
din que non te quero.

Hoxe dixéronme que non te quero
mentres choro só con mirarte a cara,
mentres o contacto da túa pel é unha necesidade
e fas que todo teña un espectro novo de son,
como se as frecuencias do aire se plegasen ante ti.
Que non te quero inda que todo o que quero facer é verte medrar e rir e
rozar os teus beizos cos dedos
e perder a razón cando afundo a cabeza no teu peito
e o teu olor me invade.
Cando me alimento das túas palabras, das ondas de auga que me pasan entre os dedos
da luz que se filtra entre o pequeno espazo dos nosos corpos
e que significa unha vida nova e un presente.
Cando nos une un cordón máis forte que o ferro,
que o diamante mesmo,
moito máis forte que calquera das súas estúpidas ideas
sobre o que é o amor,
e inda me din que non te quero.

Hoxe dixéronme que non te quero,
eu pregúntome se alguén saberá querer coma nós.

martes, 27 de agosto de 2019

Sakebe uta kimi no naka merodii

Estúpida cría, cando medres
verás a carne escorregar entre os teus dedos vermellos,
notarás as vísceras latexando aos teus pés e entón
aprenderás que o máis baixo é o máis grande,
que os ideais xamais che van a dar a voz.

Non aprendiches.
Seguiches a arrastrarte polas rúas perseguindo pombas.
Demasiado humana e sucia, berras demasiado para trascender,
a materia é o único que tes.

Nono aprendiches? Nono aprendiches xa unha vez?
Non foi cando máis viva estiveches, cando a auga corría a grolos baixo a pel e o teu amor era real? E o teu odio era real? Cando escribiches tantas obras e o peso do mundo se esnaquizou no mesmo asfalto que che esfolou os xeonllos.

Non te atrevas a volver dubidar, non te atrevas a volver a perder o corpo.
Non podes ser xa máis outra cousa nin amar doutro xeito que non sexa
con sangue.
Non te atrevas a perderte, porque entón non te perdiches. Desmembráchelo a él e levaches a súa pel como capa, os seus brazos mecanizados aumentando a túa experiencia.
Non te atrevas a perderte nin entregarte, a única relixión é a da materia e o cosmos. Se vives entregada e te disolves no aire, a quen poderían amar, de todolos xeitos?
Sigue, sigue vivindo con cada célula, sigue a morder os beizos e berrar, nunca frenes nin te conteñas. Non ves que viven correndo ao teu lado? Qué vida che quedará cando o consigas?

Se a forza que che impulsa está aí, no momento no que a alcances, qué quedará de ti? Non estarás morta?

Non necesitas nada, absolutamente nada. A vida está feita para ti, tes toda a forza necesaria.

Estúpida cría, cando medres
aprenderás que só ti podes empañarte. Que ser real da moito medo. Que nada do que criches é certo. Pero só hai unha cuestión realmente importante, e esta é a do suicidio.

Dime crocodilo, se todo este tempo me estiveches desgarrando

para que viva.

lunes, 19 de agosto de 2019

A túa vontade.

Se só foses ti.
Se puideses atraparme, enganarme, someterme.
Se cambiasemos as prumas de sitio, as areas do tempo, a vida e a comida de estante.
Poderiamos asfixiarnos baixo as mesmas sabas
e eu podería respirar sempre o teu aire.
Poderiamos pisar solidamente e enganarnos pensando que xamais estamos sós.

Arrinquei de min tódalas miñas veas e coma árbores as esparcín pola cama.
Raspei de dentro tódolos días da miña vida ao teu carón.
Se tan só tiveses estado no lugar equivocado no momento erróneo...
Se tan só tiveses estado cando a miña vida era tan túa
e camiñaba cun devocionario aos teus pés.
Cando apareciches eu rompera xa tódolos altares,
e agora só me odio por  f a c e l o  t a n  b e n .

Perderte sería como arrincar tódolos dentes da boca.
A vida pasaría por min coma os trens.
A chuvia e todo seguiría sendo fermosa e eu podería, entón si, adorarte e facer esculturas cas túas ás.
Téñoche dentro como vitriol, non atopo en min unha soa célula que non reaccione ante a túa visión, tacto e olor.
Ás veces sinto unha urxencia maior que a de respirar, case tan grande como chorar.

Se só foses ti quen estaba alí.
Se me tiveses atrapado, enganado, sometido.
Só che pediría que non me soltases xamais as mans,
que xamais dubidases, nin por un segundo.
Porque se estiveses alí entón eu mesma me encadenaría e tiraría a chave ao río.
A miña alma naceu para ser devota e vagará sempre nos montes, cas mans baleiras de resignación. Sen nada que adorar.

E eu quero adorar a túa pel, o teu pelo, a túa boca que me bebe, o olor que nace no teu peito, o xeito no que falas, no que te moves, no que sintes, no que existes.
Eu só tería que arrincar a cabeza e poñela nunha linda cesta cun popurrí oloroso, destes malva e primaveira, e levarcha á porta mesma da casa como ofrenda.
Eu só tería que ler nos astros e deixar actuar ao meu corpo só, deixalo facer, que me flaquean as forzas de resistirme ao seu pulo e ao líquido sulfúrico que volve incandescentes as miñas entrañas.

Pero poño os meus pés sobre os trazos de xiz que marquei no chan do piso,
adopto as posturas pausadamente,
desenvólvome, esténdome coma o ceo ou o mar cando son a mesma cousa.
Camiño baixo o aire xélido da praia e énchome de tódalas cousas que existen tratando de ignorar esa dor
xorda
baleira.
Tratando de ignorar o feito de que,
mentres desfilo polo mundo e os meus pés
fan brotar ao meu paso a terra,
non podo parar de tremer.




"If it be your will that I speak no more
and my voice be still as it was before
I wouldn't speak no more, shall avoid until
I am spoken for, if it be your will."



viernes, 16 de agosto de 2019

Maldita loucura a túa.

Fodendo entrei en min, e fodendo
me recupero.
O coche pola estrada vai demasiado rápido e me hostia contra o arcén.
As cousas son de súpeto ou non son.
Perderme, perderme, perderme sen remedio.
Serei unha rockandrolingbitch for you???
Perderme sen remedio e atoparme
nunha cova de dez días con toda a pel húmida e suada polo limo.
Os anos, os anos desperdiciados.
Quén son, nun espello, como nunha mala pelícola, quen son.
O corazón, a alma ou o apéiron?
Camiño soa con mil mans agarrándome a pel e as entrañas.
Se non me fodedes será que non queredes.
Se non me fodedes será que non quero.
A loucura da vida non se pregunta se a merezo e ti,
ti non te preguntas se o merezo.
Non preciso vellos arquetipos e amigos que me recompoñan,
eu son unha.
Só busco no medio da terra escura o vocabulario das cousas.
Só busco neste mundo un pouco de veleno que me desgarre as entrañas e me de
de vivir.

viernes, 7 de diciembre de 2018

Orange juice and others.

Eres unha estraña.
Se alongo a man case podo tocarte
cas xemas dos dedos, rozarte coma area
ou coma os bicos protocolarios,
pero és unha estraña.

E así e todo case podo vernos de noite nun café
resgardándonos do frío e a choiva e os crocodilos,
cas enormes botas brillantes de mollado.
Case podo vernos rir e quizais...

O nadal comeza sempre de noite e cheo de luces.
Pareces saída dalgún vídeo musical, nótase
que levas unha vida performativa, nótase
que tratas de engulir esa película onde sexas ti, 
e só ti.

Nótase o humano en ti coma as pingas de choiva nos vidros do coche.
Se és amable pregúntome se non
sufriches,
ou se xa o fixeches demasiado.

Imaxino os nosos pés na parede e as conversas
porque dalgún xeito a balea bebe sempre todo.

Teño medo de como busco sempre estar involucrada,
como unha ansiedade a ficar fóra,
cunha crueldade que apenas se oculta en inocente
bondade.

Medo de que un día os ollos estén cansos,
medo de invadilo todo, como unha balea branca no ceo, ata que unha voz me pida que me aparte.

Eu podo facer xogos de robots e pilotos.
Escoitar as cenmil prantas delicadas
que tecen os seus beizos ao teu redor, embelesada.

Ti non sabe-lo bonita que és.
Ti non sabe-lo bonita que és cando el che conta.
Cando el che conta quero bicarche como se fose-lo mar escuro dunha praia ao sol do inverno.

Por iso agora te imaxino tan soa,
sentada na farola da túa habitación de aceite,
cos teus animais e robots mecánicos rodeandote fronte ó espello de pé.

Tan soa e feliz ca tristura desbordandose polos tablóns do chan do cuarto.

Case podo vernos rir e quizais


               deixar de ser estrañas.