Hoxe dixéronme que non te quero.
Que se non te ato é que non te quero,
se non quero subir contigo as escaleiras
e percorrer o camiño que ambos odiamos
é que non te quero.
Se non deixo que me ates os pulsos nas costas
se non quero comerte a alma con estes ollos chorosos
é que non te quero.
Porque ás veces amo a outros,
porque me fai feliz que ames a outros,
seica non te quero,
e que se non restrinxo, se non cumplo,
se non me axusto a bodas e galanas
din que non te quero.
Hoxe dixéronme que non te quero
mentres choro só con mirarte a cara,
mentres o contacto da túa pel é unha necesidade
e fas que todo teña un espectro novo de son,
como se as frecuencias do aire se plegasen ante ti.
Que non te quero inda que todo o que quero facer é verte medrar e rir e
rozar os teus beizos cos dedos
e perder a razón cando afundo a cabeza no teu peito
e o teu olor me invade.
Cando me alimento das túas palabras, das ondas de auga que me pasan entre os dedos
da luz que se filtra entre o pequeno espazo dos nosos corpos
e que significa unha vida nova e un presente.
Cando nos une un cordón máis forte que o ferro,
que o diamante mesmo,
moito máis forte que calquera das súas estúpidas ideas
sobre o que é o amor,
e inda me din que non te quero.
Hoxe dixéronme que non te quero,
eu pregúntome se alguén saberá querer coma nós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario