lunes, 19 de agosto de 2019

A túa vontade.

Se só foses ti.
Se puideses atraparme, enganarme, someterme.
Se cambiasemos as prumas de sitio, as areas do tempo, a vida e a comida de estante.
Poderiamos asfixiarnos baixo as mesmas sabas
e eu podería respirar sempre o teu aire.
Poderiamos pisar solidamente e enganarnos pensando que xamais estamos sós.

Arrinquei de min tódalas miñas veas e coma árbores as esparcín pola cama.
Raspei de dentro tódolos días da miña vida ao teu carón.
Se tan só tiveses estado no lugar equivocado no momento erróneo...
Se tan só tiveses estado cando a miña vida era tan túa
e camiñaba cun devocionario aos teus pés.
Cando apareciches eu rompera xa tódolos altares,
e agora só me odio por  f a c e l o  t a n  b e n .

Perderte sería como arrincar tódolos dentes da boca.
A vida pasaría por min coma os trens.
A chuvia e todo seguiría sendo fermosa e eu podería, entón si, adorarte e facer esculturas cas túas ás.
Téñoche dentro como vitriol, non atopo en min unha soa célula que non reaccione ante a túa visión, tacto e olor.
Ás veces sinto unha urxencia maior que a de respirar, case tan grande como chorar.

Se só foses ti quen estaba alí.
Se me tiveses atrapado, enganado, sometido.
Só che pediría que non me soltases xamais as mans,
que xamais dubidases, nin por un segundo.
Porque se estiveses alí entón eu mesma me encadenaría e tiraría a chave ao río.
A miña alma naceu para ser devota e vagará sempre nos montes, cas mans baleiras de resignación. Sen nada que adorar.

E eu quero adorar a túa pel, o teu pelo, a túa boca que me bebe, o olor que nace no teu peito, o xeito no que falas, no que te moves, no que sintes, no que existes.
Eu só tería que arrincar a cabeza e poñela nunha linda cesta cun popurrí oloroso, destes malva e primaveira, e levarcha á porta mesma da casa como ofrenda.
Eu só tería que ler nos astros e deixar actuar ao meu corpo só, deixalo facer, que me flaquean as forzas de resistirme ao seu pulo e ao líquido sulfúrico que volve incandescentes as miñas entrañas.

Pero poño os meus pés sobre os trazos de xiz que marquei no chan do piso,
adopto as posturas pausadamente,
desenvólvome, esténdome coma o ceo ou o mar cando son a mesma cousa.
Camiño baixo o aire xélido da praia e énchome de tódalas cousas que existen tratando de ignorar esa dor
xorda
baleira.
Tratando de ignorar o feito de que,
mentres desfilo polo mundo e os meus pés
fan brotar ao meu paso a terra,
non podo parar de tremer.




"If it be your will that I speak no more
and my voice be still as it was before
I wouldn't speak no more, shall avoid until
I am spoken for, if it be your will."



viernes, 16 de agosto de 2019

Maldita loucura a túa.

Fodendo entrei en min, e fodendo
me recupero.
O coche pola estrada vai demasiado rápido e me hostia contra o arcén.
As cousas son de súpeto ou non son.
Perderme, perderme, perderme sen remedio.
Serei unha rockandrolingbitch for you???
Perderme sen remedio e atoparme
nunha cova de dez días con toda a pel húmida e suada polo limo.
Os anos, os anos desperdiciados.
Quén son, nun espello, como nunha mala pelícola, quen son.
O corazón, a alma ou o apéiron?
Camiño soa con mil mans agarrándome a pel e as entrañas.
Se non me fodedes será que non queredes.
Se non me fodedes será que non quero.
A loucura da vida non se pregunta se a merezo e ti,
ti non te preguntas se o merezo.
Non preciso vellos arquetipos e amigos que me recompoñan,
eu son unha.
Só busco no medio da terra escura o vocabulario das cousas.
Só busco neste mundo un pouco de veleno que me desgarre as entrañas e me de
de vivir.

viernes, 7 de diciembre de 2018

Orange juice and others.

Eres unha estraña.
Se alongo a man case podo tocarte
cas xemas dos dedos, rozarte coma area
ou coma os bicos protocolarios,
pero és unha estraña.

E así e todo case podo vernos de noite nun café
resgardándonos do frío e a choiva e os crocodilos,
cas enormes botas brillantes de mollado.
Case podo vernos rir e quizais...

O nadal comeza sempre de noite e cheo de luces.
Pareces saída dalgún vídeo musical, nótase
que levas unha vida performativa, nótase
que tratas de engulir esa película onde sexas ti, 
e só ti.

Nótase o humano en ti coma as pingas de choiva nos vidros do coche.
Se és amable pregúntome se non
sufriches,
ou se xa o fixeches demasiado.

Imaxino os nosos pés na parede e as conversas
porque dalgún xeito a balea bebe sempre todo.

Teño medo de como busco sempre estar involucrada,
como unha ansiedade a ficar fóra,
cunha crueldade que apenas se oculta en inocente
bondade.

Medo de que un día os ollos estén cansos,
medo de invadilo todo, como unha balea branca no ceo, ata que unha voz me pida que me aparte.

Eu podo facer xogos de robots e pilotos.
Escoitar as cenmil prantas delicadas
que tecen os seus beizos ao teu redor, embelesada.

Ti non sabe-lo bonita que és.
Ti non sabe-lo bonita que és cando el che conta.
Cando el che conta quero bicarche como se fose-lo mar escuro dunha praia ao sol do inverno.

Por iso agora te imaxino tan soa,
sentada na farola da túa habitación de aceite,
cos teus animais e robots mecánicos rodeandote fronte ó espello de pé.

Tan soa e feliz ca tristura desbordandose polos tablóns do chan do cuarto.

Case podo vernos rir e quizais


               deixar de ser estrañas.

martes, 20 de noviembre de 2018

O infinito

Hai un baleiro que da moito medo.
Un baleiro que evito mirar, que evitamos mirar,
Un silencio.
Unha cousa densa e nocturna, un frío que non reflicte o termómetro
pero que morde igual.
Ás veces penso en ti.
Ás veces penso en ti todos estes anos tan só,
rodeado dese baleiro, tratando de non miralo.
Ás veces penso en ti e rompo e virto no chan mareas enteras
ti non sabías que a pel dos demais estaba tan cerca.
Hai un baleiro e asusta como unha capa negra e pesada que cae sobre nós.
Como o telón ao final dun libro que deixa o sabor no aire e o frío.
É como soltarnos dunha man e quedarnos momentáneamente á deriva, arrastradas polo mar, perdidas.
Ou mais que perdidas, abrumadas,
como se o mar fose ceo e o ceo infinito, e non unha cousa que se corta nos horizontes.
Por isto fuximos e corremos pra adiante e intentamos chegar e miramos fóra fóra moi fóra de nós e buscamos a esquizofrenia de mil voces alleas para non ver
unha
soa
nósa
terrorífica
baleira.
Pero se o miras.
Se de verdade o miras.
O baleiro,
o baleiro que está en nós e nas tostadoras e no silencio dos demais.
Verás que como unha tea che envolve e arroupa,
que como capamusgo serás a fermosa desconocida
que irrumpe na festa para só ser
de si mesma.

jueves, 1 de noviembre de 2018

Eu espero que ti non teñas as mans frías
polas noites cando o tedio se mete baixo as saibas.
Espero que teñas as mans cheas de agosto e flores secas
como unha cara agardando na varanda,
sen medo.

Está ben ter medo porque as cousas
cambian e rompen, coma a auga
contra as rochas, como ti rompes contra min
cando me miras.

Un día espertas, miraste as mans pequenas e sodes
duas
a que agarra e a que acaricia
a que aplaca e a que desmorona
o meu pensamento con eses ollos entornados.
Como se tivesen sono de estar felices.
Como se puidese miralos sempre que quixese
como o trébol na fiestra.

Eres dúas e eres todo, e eres unha parte xa
como se nos planos desta cidade che incluísen.

Eu espero que non teñas as mans frías.
Que chores suave coma a noite e coma a seda.
Que rías ben e mollado.
Que teñas sempre un lume que apreixar.

sábado, 18 de agosto de 2018

Irme.

Mírame. Medro como unha esponxa.
Non tes que darme nada, estás moi lonxe.
Non necesito a túa aperta forte.

Bótote de menos moito menos do que boto de menos botarte de menos.
Iso é moi pouco.
Inda que ás veces imaxine atoparte.

Falo de ti constantemente.
Os meus amigos xa te coñecen moito mais que se chegasen a coñecerte.
Falo de todalas cousas que deixaches en min e vexo
que agora son miñas e non te necesito para que estén aquí.

Xa non te quero. Quérote moito menos do que querería quererte.
Pero e que xa non és en min mais ca unha sombra.
Unha sombra dunha sombra de algo pasado que me apretaba como zapatos pequenos.

Eres como auga de chuvia, eres tan boa.
Nada malo che pase, nada che doia.
Eu xa non necesito que me vexas, podo marchar, é hora.
Tan so dime que non estás soa como eu non estou soa.
Tan so dime que estás a salvo para que poida


                                                                                           irme.



sábado, 26 de mayo de 2018

Un poema de desamor de merda

Renunciar a ti doe
porque é renunciar á neve de marzo, doe
porque nunca me vou crer tan forte nin tan pequeniña doe
porque a miña vida agora é só miña e doe
que nunca volverei facer plans tirada na cama
coma a xente.
Doe ter tanto medo
e dicirche adeus e que sexa pra sempre
e tanto medo de que non teñas o que mereces
e de que che fagan dano polo camiño ou te perdas, non sei.
Doe non poder cantarche canciones nin facer doces
non volvernos quedar a durmir falando
doe que este poema de merda non capture nada
de todolos detalles teus que te roubei e agora mesmo parece
que son graciosa pero
és ti a través da miña boca.
Doe que somos mais felices así
que non había xeito de que funcionase a pesar de todo
que a miña vida é miña e respiro moito mellor agora.
Pero aínda moitos días coma hoxe non podo evitar
sentir sangrar as miñas costas porque
nin estás nin vas estar. E doe.