jueves, 27 de febrero de 2020

Para a pantasma

Eu non teño que darme como á chuvia.
Non teño que darme.
Non teño que arrincarme os intestinos
cando ti
miras para outro lado.
Eu sei que o tempo pasará ás nosas costas
e que os pulmóns están partidos á metade,
un pra ti, un pra min.
Eu sei que o tempo pasa ante os meus ollos
e aínda así non teño que darme
non teño que darme
como a chuvia
tes que existir.

sábado, 8 de febrero de 2020

Os vellos nove crimes.

Xa debería saber que son unha asesina.
Xa debería saber que as miñas mans cheas de sangue ao espertar
...
Resístome contra a natureza e a vida como un lagarto contra o seu rabo.
Resístome contra o único caos no que podo vivir.
Resístome ata o desfalecemento pero iso
non o fai menos real, non me quita
a auga do peito e os cadavres das doce pombas en círculo ritual.

Esperto como se me enganase. Esperto como se te dixese a verdade.
Esperto como se o mundo viñese sobre min e me engulise.
Os vellos nove crimes.

É un paraugas sen saída, e por iso
unha voz malévola me di que non debería ter nunca
nada nada nadanada meu.

Que rompo como as ondas, que destrozo como a chuvia e
que te fago chorar, aínda que eu chorase cinco veces
e ti só media.

Xa debería saber que son unha criminal,
que o meu destino é vivir fuxitiva
mais sigo aquí aferrándome a canta raíz me vende nesta terra.
Odio ao mundo por seguir xirando e arrastrarme con el nestas ganas de futuro.
Odio terte escrito poemas e que se me esnaquizen nas mans.

Odio saber que no momento no que vexa as túas costas
todo cambiará de novo
porque o décimo é o peor crime de todos.

Odio non poder non quererte
e non poder seguirte querendo.

jueves, 6 de febrero de 2020

Nesa choiva.

Dixechesme que era auga e tiveches que ver
tódalas pezas de min recompoñéndose en comisuras.
As cordas que me conforman como videiras nas raíces
nas que cargo tódolos cervos e flores, eternidades e pantasmas.
Cunha inclinación me miran e non teñen
fame entr'os seus ollos
nin o máis mínimo medo da ferruxe que os consome,
nin esperanzas, nin terra de aluguer.
Que cando movo un dedo non movo o meu dedo,
móveno todas aquelas que me conforman.
Que inda que xamais a coñezas bicas os seus bicos e a escoitas.
A pesar diso dividinme en dous
como o home que eterno se mata a cada instante,
e tan só pra probar o meu punto che direi:
dime que me queres a min
tanto coma ao leite con galletas
e a deus un pouco menos que a min.
Como non coñeces as historias
todo para ti arrecende igual.
Dixechesme que era auga e tiveches que verme
acumularme e desfacerme
nesa choiva.

lunes, 3 de febrero de 2020

Reescribir poemas.

Reescribir poemas, what a concept.
Como se un puidese reescribir o sangue.
Como se a realidade que bebimos non existise.
Que maldito terror desdebuxar un momento que vai desaparecer como filigrana
salvo que o trague, o trague, o trague
nesta tarde.

Reescribir poemas, what a concept.
Como se os segundos
non pasasen por nós como escamas.
Como se tivésemos unha fileira de agullas
agardando a ser prantadas.
Como se quizais os botes
non conservasen, cheirentos
as realidades negras da existencia mixta.

Reescribir poemas, what a concept.
Que me da medo que desapareza a cara
e as mentiras.
Que non podo perder a pel ou as beberaxes absurdas
que bebín aqueles días pra morrer.
Que cada momento en min se pasa, que os poemas
me levan pola vida como escrava de nada,
como mártir de todo,
como sacrificio do corpo ante o recordo.

Perder todas as que fun,
un suicidio insistente e bochornoso
significaría reescribir poemas.

Ruta a Xanadu

Xa vives aquí
e non podo despegar a túa aura da parte de dentro da pel do meu brazo.
Nin raspando con coitelo.
Tampouco é que intente resistirme á corrente tan fría que me asolaga.
Penso cada día no que significa ter os pulmóns cheos de auga
e por fin
respirar.
Penso cada día na densidade eléctrica que me rodea.
Cando trouxeches aquí este mar?
Non o sei, só que existe.
Trouxeches aquí este mar e a furia das rochas golpea en faíscas de ferro.
Machaca ese ferro ata que por desgaste
se volva animal
e se me refregue pola perna.
Machaca ese ferro ata chorar.

Xa vives aquí e as luces iluminan un estado vagamento coñecido.
Os pálpitos de suficiencia fican calados a berros.
Sorrío pra min mesma, corro pra min mesma, canto pra min mesma.
Non necesito facer nada.
Todo o que non é se extingue porque a realidade
impón o seu xugo.
Como se impón a marea e o aire quente da túa boca.
Como se impón o mundo ante as miñas mans
para que o toque.