martes, 16 de mayo de 2017

Paseo.

A madeira e o mar dun mundo coñecido, pra durmir.
Coas cancións dos meus heroes contándome como son.
Os desexos do correo ordinario e mil novas caras que se fan borrón.
Os desexos do diafragma que se contrae nun aceno de desgusto.

Non somos inmortais, iso sabiao.
Non somos inmortais nin o lograremos ser.
Pasan as follas pola cara igual que os libros.
Unha lista morta de obrigas agárdame na pared.

Con mente de escribinte que non ten nada que perder entendo
que finalmente se cumplen os meus desexos.
Que se me devolve a miña vida enteira.
Que todo isto é interesante como unha mazá mordida
que todo isto vale tanto a pena
que case é un consolo.

O medo ao camiñar enrédaseme nas pernas e penso
se me quedo quieta
se me quedo quieta
quizais se me quedo quieta
sobreviva.

Pero un amigo dime sempre a verdade.
Un amigo dime
non teñas medo, sobrevives,
camiña cara un lugar incerto
pois a túa mente cando chegue bañará todo de luz de noite.

E eu créolle porque nunca me minte.
E eu créolle porque sei que é verdade.
E nunca perderei nada realmente
e nunca posuirei nada realmente
e o meu corpo non pode romper a realidade e deixarse morrer.

O final desta noite chegará
en mil anos ou máis, segundo estimacións
pero non imaxinas o fermosa que é a noite con tantas farolas
e a música e unha sombra correndo ante min.

No hay comentarios:

Publicar un comentario