domingo, 14 de mayo de 2017

Time-machine.

A caixa azul levoume a eras de suave nube branca.
Téñoo todo controlado.
Teño todo controlado.
Durmir no chan do piso coa luz empezando.
Entrar a deshora nas vidas da xente
chegar berrando, rindo
como fogos de artificio.
Chegar nun furacán que non pensa no futuro.
Como fixen para ter agora dazasete anos?
Como fixen para, nun momento, ter nas mans o que perdin?

A vida non avanza neste recuncho da ría.
A vida agarda sempre co seu colo protector de miserias.
Os de sempre e os de nunca xuntos arredor
dun té e varias copas. De vidas que non cambiaron.

Empezar de novo, como nun soño
cen anos máis sabia
cen anos mais boa
e cun canciño aos meus pés.

Empezar de novo un verán interminable
cinco anos no pasado.
Xamais me quedarei sen tempo.

domingo, 7 de mayo de 2017

Esmola.

Ás veces faise de noite antes e a lúa desprézame.
Ás veces inda que fermoso, doe.
Como o lume, arrasa a terra baldía e deixame con cara de
neno de supermercado.

Ás veces faise tan duro, só ás veces
que quero flotar uns días na fina chuvia de maio.
Móvome dun pé a outro, molesta, sen saber onde apousentarme agora.
O tique do teatro ten un número e non podo lelo.

Ás veces a música axuda coma un zunido e outras
apuñala ata que sangro un líquido azul
azul dos gregos
azul dos pesadelos que aparecen cando estou esperta.

A miña pel non entende e reprégase ofendida.
Ninguén a escoita.
Unha sombra escura aparece co manto da ausencia e dame frío.

Quítame esta esmola
dame un millón de anos
que corroboren esta existencia.

Quítame esta esmola que me fai sobrevivir e quizais morra
e renaza
como unha porta de madeira escura
que se abre ao baleiro.

jueves, 4 de mayo de 2017

Os pés descalzos.

Escoito cancións na cabeza
enchendo os ouvidos dun barullo que non se merece.
Sei cando debo deixar de agardar
sei que hoxe debo deixar de agardar
sei que neste minuto debo deixar de agardar.

Todo o absurdo do mundo se xunta e me paraliza.
Todo o que non foi, se xunta e me paraliza
como un neno pequeno que me agarra da manga da chaqueta
"agarda un pouco máis
agarda un pouco máis".

Seguir, moverse acendida polas rúas baleiras.
Seguir e preguntarse canto mellor é isto que outra vida que, ata fai dous días, tiña entre as mans.
Seguir e saber que eu soa estou minando esta misión de recoñecemento,
a lúa está atrás, e agora en Venus hei moverme ou arder.

As cores tan fermosas como a cara dunha rapaza.
A vida tan libre e o meu medo encadenándome á pata da cama.
Porque é fácil sentir medo, é tan fácil.
Porque é fácil botarche de menos.
Pero as cores son tan fermosas como a cara dunha rapaza
que eu creo ulirá a especias, terá os pes descalzos sobre o chan de madeira.

Non fun lonxe de mais, fiquei agazapada nalgo que era cálido e cómodo e xa estaba por cambiar.
Non fun lonxe de máis pero agora si, inda que cargue pedras ao colo, voume mover. Vou a ir.


viernes, 28 de abril de 2017

Entre o centeo.

Silencio nas árbores.
O aire pesado dunha ausencia
como cando na película un ruído branco enche os ouvidos pra xerar tensión.
Como cando na película un ruido branco enche os ouvidos pra ser acolledor.
As árbores móvense e retórcense pra inxectarme as veas de adolescencia.
As palabras, as follas de papel reciclado con números romanos, dúas tabletas de chocolate e cancións entre as mamparas.
Cancións escuras e densas coma auga de noite.
Así sinto todo tanto que é incrible.
Así sinto todo tanto que morro un pouco.
Así sinto todo tanto que me corro e berro e río.
Así non cambiaría por nada este tempo
de dous nenos correndo entre o centeo
ao bordo do precipicio
sen nada que perder.

miércoles, 26 de abril de 2017

Nunca nada.

A incertidume, non é tanta cousa.
O agónico é a inmutable
e penetrante distancia.
Ter unha pantasma que se esvae na esquina.
A rabia xorda, a maxia.
O imposible que supón agora mesmo
barrer as follas de novembro. 
Nada dura para sempre, repito
nada dura para sempre
nin a chuvia de novembro.

martes, 25 de abril de 2017

A resistencia.

Cando chega á porta mesma da túa casa e che golpea
coa furia dun látigo vello coma o tempo
a guerra comeza.

Todo está en ruinas nunha paraxe poirenta e fría coma a lúa.
Os estrategas lanzan misiles e organizan naves nodrizas pra espallarse,
engrandecerse.
Os estrategas saben,
son anciáns sabios con grosas cicatrices nos ollos
por tódalas batallas ganadas.

Dentro de máquinas robóticas levantan grandes troncos e vociferan
tanta lóxica, tanta lóxica mata
mata pola supervivencia.

Un home, quizais un neno,  coa cara suxa, alto, delgado, como nunha novela.
A roupa rota e así e todo, unha forza suicida que levanta a terra
ao seu paso.
Non escoita, non escoita, só berra mentres carga contra ela.

El é a resistencia.

sábado, 11 de marzo de 2017

Carta de amor efímera.

Escribo esta carta cando debo, cando aínda existe.
Dende o fondo da emoción dunha América rescatada,
escribo
expóñome ao medo
e escribo.

As metáforas (como a de América) sirven moi ben para ocultar.
Para rasgar a realidade e insinuar, velar, estafar.
Para non expoñerse.
Por isto, loitarei contra os monstros que me dominan
ata pulir un relato limpo e fondo
como un mar embravecido.

Estabas cunha calma e contigo.
Ti estabas.
E non podes imaxinarte canto tempo facía que non estabas.
E non podes imaxinarte cando tempo facía que eu non estaba, para verche.
E como nun xogo de cara ou cruz os anos tiveron que pasar
sen que nunca estivésemos ti ou eu
completamente presentes.

Mais esta noite estabas completamente presente.
Eu estaba completamente presente.
E souben entón que dun xeito retorto, distinto
ao que moitos entenden
és o amor da miña vida.

Cando digo "o" (véxome na obriga turbada de aclaralo)
non estou pensando nunha parcela que debe ser ocupada
non penso nun título que deba ser outorgado
non penso nun contrato que deba ser asinado
penso en emoción pura, plural, misteriosa e xamais excluinte.
Penso en cómo as cousas son, e serán, coa intención de que outra vez
ti estes totalmente presente
e eu este totalmente presente.

Como isto é unha carta de amor efímera
efímeras serán tamén as crenzas irracionais que virto nela
como pensar que és esencial, como a auga
que ti e mais eu xamais nos separaremos
que temos, en fin, unha historia.
Que sentimos cada un unha parte irregular dunha liña que se xunta.

Esta noite era tan tarde e brillabanche os ollos
e brillábanche as palabras
e era todo tan real, sinestésico, como un chute de algunha droga que acelera coa música.
Eu quixen con tódalas miñas forzas bicarche
sen moito xeito, só o xesto
transmitir a forza e o agradecemento.
Ameite tanto por un momento dun xeito voraz e sen pretensións.
Quería ter alomenos iso, tan tanxible,
e detrás das emocións fondas e longas de explicar, quizais
simple excitación sexual, automática, básica
como unha máquina.

En lugar diso camiñei ata aquí.