o suficiente como para estar ao teu lado
a pesar das vidas dunha bala perdida
o suficiente como para explicar cada momento
e para volver a escollerche
e porén paréceme que non chega
que os minutos se apuran
que corroen
e todo me parece pouco e demasiado
e todo é un encaramento co futuro
de mans mortas e esperanzas tortas nas paredes
da nosa casa.
O que intento dicir sempre con palabras
é o que só podo expresar mirando
e deslizando uns dedos pola pel suave
e entrechocando as penas e as alegrías
nuns beizos que quentan as pálpebras.
O que intento decir sempre e que non me basta
que teño medo de morrer a cada paso
nun delirio que abrasa os horizontes
e no medo xélido da volta á normalidade
que tanto asusta co seu baleiro.
O suficiente para que chores coma un meniño ao meu carón
e para que me guste de ti cada recuncho
cada centímetro de pel
cada xesto
cada palabra
cada ferida
cada nostalxia
cada parvada ao erguernos antes de chegar eu mesma ao mundo.
O suficiente para darme por completo
as mans e os pés e os xeonllos
e as puntas das pestanas e os beizos
e as coxas e o que hai entre elas
e os peitos que che caben nas mans xunto coas lúas da esperanza.
O suficiente para que me chamen parva
por seguir cunha candea os sendeiros
por darche nas mans tódalas dagas
que poidan ferirme de morte, e dar a volta e contar
cara atrás ata dez, paseniño
e ti que as gardas ben para que non me manquen
e me tomas polo van cun suspiro.
O suficiente para deixarche ser o meu norte
e que lle fodan aos hemisferios terrestres
e regalarche a máquina de escribir da miña liberdade
e ser tan vulnerable...
... porque ti farás de min o que eu queira ser
darasme o meu destino nas mans
e protexerás ante o mundo a miña vontade.
Porque ti me fas libre,
é suficiente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario