Cando eu son e me expando como as nubes e che abrazo como as nubes
xamais souben determe nin medir, e cando o fixen doe dun mal xeito, como contaminación nos pulmóns.
Vivo nun desequilibrio que da vértigo e ás veces é como poutas que me arrincan o vento.
Que necesidade hai de pensalo sequera,
que necesidade hai?
Eu non son mellor por darme como area na praia.
Eu non son mellor por facer
o que quero facer
cando o quero facer.
Eu tan só me dou como area na praia e desfruto
cando alguén me agarra e me deslizo entre os seus dedos.
Ao longo de tantos anos eu aprendin que esta é a miña realidade e non quero outra porque nada me da mais medo que deixar de expandirme como as nubes sen chover.
Eu prefiro chover mil anos no desequilibrio e coller as mans que distraídas se me tenden
por unha casualidade,
como sementes que o vento trae e sae unha tomateira ou un dente de león.
Eu prefiro darme como caramelos dun xeito egoísta, case obsceno
para que se me use a placer e logo
eu chovo, outros rin, e cans pequenos corren pola praia sen pensar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario