viernes, 19 de enero de 2018

Basic needs.

Non hai xeito de salvarse anque cho vendan en postais.
Dígocho eu que estiven
no mais fondo da vida de outra.
Que tiven risas compartidas e vidas compartidas e cuncas a medias.
Eu que dixen "para sempre" e os seus ollos non mentían.
Ninguén nos coñecía, eramos estrañas
para nós mesmas.
Pero estabamos aí e de verdade, de verdade o intentamos tanto
que de verdade pensamos ser cada unha a metade
dun mesmo ser.
E nin así nos salvamos.
Sempre volvía.

Non hai xeito de salvarse nin rodeada
de pingas de personas que che tocan cos dedos fríos
porque todas temos medo e nos acochamos baixo os mesmos soportais.
E ás veces todas bicamos a quen temos ao lado
só para sentir algo e ter vía libre
para chorar.
E podedes correr moito e vivir aventuras e tirarvos todas na area da praia a cantar cancions e facer moito ruido de fogueira para espantar a escuridade
que tampouco iso che vai salvar.
E podes abrir as tripas e deixar que che metan dentro a man.
E ser real e darlle a alguén a man.
Igualmente vai volver.

As voces da radio estridentes
véndencho todo o tempo, os grandes carteis luminosos,
mentres ti só estas perdida entre os edificios que non durmen.
Todos che din cómo te podes salvar.

Deixao xa, creme.
Non te podes salvar.
Quen che diga que se librou desa sensación pegañenta e fría,
quen xa nunca máis tivo que chorar en silencio,
quen evitou ao final a máis básica emoción humana
está a mentirche, ou a mentirse.


Porque o día que xa non sintas a soidade a afogarche a gorxa
estás perdida.




No hay comentarios:

Publicar un comentario