viernes, 13 de enero de 2012

Erase

Érase unha vez un neniño que se chamaba Jim.
Era un neniño encantador e risoño que roubaba licor da despensa e petaba nos corniños dos caracois.

Unha vez cando estaba na cama esperto e todo era escuro chorou mainiño para probar a que sabía. Logo entráronlle moitas ganas de cortar e colleu unhas tixeiras do caixón. Cortou o pixama, cortou o pelo e cortou a pel de entre os dedos. Fixo unha desfeita e sua nai mandouno recollelo todo, os cachiños de pel tamén.

Jim vía as cousas defectuosas e tivo que poñer gafas. Esas gafas deformábano todo e sempre chocaba coas paredes. Ademáis eran gafas de mel e unha chea de abellas se lle pegaban sempre e lle zungaban nos ollos, pero estaba ben.

Cando foi grande abondo para marchar montou nunha vaca gris que pasaba polo camiño e levouno lonxe. Namorou da vaca e ela tirouno ao chan. Rompeulle o corazón.
"Quérote vaca!"
"Indiferencia"
"Non podes ignorarme!!"
"Non che ignorei, dixen a palabra indiferencia, pero ti pensas que só rumiei." e foise.

O pequeno Jim tivo que afogar as penas metendo a cabeza no fondo dunha poza de auga quente onde soaba música de sitios quentes. E logo chupar limóns. E logo atopou unha muller verde que o acolleu no seu colo e lle bisbaba cousiñas bonitas.
 Ao primeiro pensou que era unha muller-árbol, logo ela fíxolle dano. E foise coas súas feridiñas chorando polo bosque. E ela arrepentiuse, pero era tarde. E oíase por todo o bosque os choros "bujujujuju" do pequeno Jim.

Cando estaba mortiño ao pé dunha árbore, que lle daba sombra e o acariñaba coas súas follas amarelas, chegou un cachorro azul a lamberlle as feridas. E o neno espertou e deulle mimos ao canciño. E o canciño xogaba e correu. E o neniño Jim correu. Correron lonxe.


E onde estivera deitado
no pé
da árbore
naceron follas violetas.

Comezou a chover.

No hay comentarios:

Publicar un comentario