martes, 17 de mayo de 2022

Hide and seek - Imogen heap.

Un nó que gotea.

Lévame contigo.

Arráncame as entrañas esta vez

non importa

teño máis, son infinita.


Fomos cantando no lombo dese mamífero marino por carreiros da esperanza

nun coche que caía a trozos como nun espisodio dos tolos do volante.

Recórdasme e non me recordas de qué está feita

a materia do mundo.

Descarnaría as mans no esforzo de protexerche

deste mundo cruel.

Choraría duascentas noites sen arrepentirme un minuto.

Personas coma ti borran as sombras deste país acabado.


-te diría que pierdo las ganas de odiar si acomodo mis pasos a tu caminar, y que el mundo contigo se ve menos enfermo-

 



viernes, 3 de diciembre de 2021

And too old

 Qué seremos se non corremos,

un vómito na auga clara,

o berce do que nos sacan a patadas

mentres busco razóns para non ir durmir.

Que o destino se decida antes de que te des conta

que che agarre alguén polos pulsos febles

partindo como ramas secas

a noite de suspiros que nos leva.

Demasiado tarde,

demasiado tarde,

igual que se sufrise o meu quinto aborto non buscado

e chorase sen remedio un cento de grans secos.

Demasiado tarde porque estou

unha e outra vez detrás deste cristal

convencida xa de que non hei saír, nin mirar apenas

para outro lado

estando por estar, afogando

tan pouquiño que quizais aprenda a vivir sen osíxeno.

Total

que nos queda

a morte, tan burra.

Non hai en min suficiente carne de persona

que poida facer sentido a isto que me rodea.

O feito de que non morrín, cunha exhalación impertinente,

que xamais me pasou nada tan grave

que a vida non foi fácil

nin difícil. Que rematarei este xogo sendo

quen máis detesto.

O autoodio fainos a todos narcisistas,

non o sabías?

A vida que nos cubre con feridas.

Oxalá ter vinte anos e correr, correr naiciña, correr! 

Demasiado tarde para ir con prisas.

sábado, 13 de noviembre de 2021

I'm getting older

 Como unha flor pequena

un trozo de carne aplastado contra o asfalto

o medo nos meus ollos, o pranto

as vidas que non saben existir.

E unha respiración,

e outra,

e outra.

Levo os pés mollados alá onde vou, como unha lousa

preguntando a aqueles que pasan cando chega o seguinte bus,

a seguinte cousa,

a seguinte noite na que a cabeza descansa, o seguinte sentir un pouco

sen ser un dispositivo mecánico o que nos ausculte

este órgano tan tenro.

Quedeime partida

como unha rama seca

con ese golpe certero

sen crueldade nin herba, tan só a risa malévola de quen non busca nin teme nada,

un ruído ensordecedor de voces rañandome nas costelas.

E quero cuspir sobre todas, todas as cousas que quixen,

sobre todo o que adorei, sobre todo o que fixen,

sobre cómo me entrego e me sinto tan pequena,

sobre esa sensación de dar tanta pena (e non suficiente).

Supoño que me fago maior.

martes, 2 de noviembre de 2021

Abertas

Qué me traes dend'os realmos da memoria? Que me traes...

se nin coñezo eses pés que camiñaron

e xa sei que pisaron onde os meus pisaron

onde pisaron os de tantos antes

e todos os que esqueceron

polos cartos e o otorrino

os diaños que nos levan

os crocodilos que alimentar,

as paixóns, as portas

dunha percepción necesaria da realidade esquiva.

Córtase a fogonazos o peso das cousas,

o peso de amor que imos cargando como metralla cansada,

que xa non sabemos se serve d'algo

ou se nos salva de estalar na nada.

 

 

sábado, 21 de agosto de 2021

come on baby light my fire

todo daba voltas arredor deste veleno

ata tocar cas puntas as cordas máis tensas

riscando cas unllas a cabeza do misto

atopándonos de novo, buscándonos de novo,

condenándonos.


trémenme as mans das autopistas

neste corpo que non frena

nos bocados desta vida

na linguaxe que medra enteira

de ter esta cousa escura entre nós,

isto tan barato como real,

trémenme as mans de non ter tenazas

cortándome o peito.

 

FURIA necesaria a que nos leva a erguernos das cinzas

dun novo mundo,

cuspe en tódolos insectos que se nos meten

polos poros.


que ti me queres e eu te quero

que sempre estaremos separados

que nunca apartarei a cara

que xa estamos condenados


"And I swear by this love
which is living and dead
that we will be separate
and we will be wed."

jueves, 19 de agosto de 2021

22:57

non me atopes

e cando caia a noite e medre a madreselva, non me penses

e cando chegue a ti o pasado a esganarche o pescozo, non me sintas

e se os crucifixos caen das paredes neste monstruoso seísmo, non me protexas

e se nos chega a chuvia, e o incendio arrasa ca vastísima cidade, non teñas pena

se atopamos os deliciosos froitos de sangue, non compartas

e se agardamos outro día máis, non me esperes

e se sangro, sobre todo se sangro, non me chores.


que eu xa che penso, xa che sinto, xa choro, xa 

rompo en mil anacos a carne, coma un espello que me mira, 

xa corro, xa me refuxio no espeso deste amor

xa levo en min todo o que és, todo o que somos

xa che atopo

domingo, 1 de agosto de 2021

Na selva.

Estou na selva, e máis ca unha selva é un deserto.

Cómo ha ser unha selva este baleiro?

O meu cerebro coma unha máquina coidadosamente hidráulica

inventa o argumento dos "Pazos de Ulloa" para as horas mortas.

Calquera cousa e son lanzada contra a parede,

e non dun xeito erótico (oxalá),

de feito o erotismo en min está morto.


Está oco o meu corpo, colle unha man enteira

sen rozar as costelas nin nada

e non sei xa qué trato de engulir para encherma,

o semanario de programación.


E non consigo escribir, como se me apodrecesen os dedos, 

as ideas son moles bolsas de líquido,

mais consigo emocionarme con algún poema de Gloria Fuertes, 

que a nivel de forma non me entra moi ben.


A vida é unha cousa tras outra, e así pásanlle a unha o mesmo

os minutos que as mareas, pero nada aí fóra

me toca

nin eu a ela,

quizais se me disolveu a pel.