jueves, 15 de marzo de 2018

Kim quere escribir poemas.

Queres apreixar auga cos dedos.
Queres ser e estar aquí pero non estás.
A túa pel vive a mil quilómetros de ti
como un pasaxeiro neste mundo
e ás veces imaxino que choras un chorar cansado,
tirada nunha cama de película.

Todo che rebenta dentro e nin sabes
qué facer con esas vísceras que inda latexan nas túas mans.
A vértixe do mundo cómete, como nos comeu a moitas,
e nin tan sequera te atreves a cortar o pelo e deixar
o pasado atrás.

"Que eu non sirvo pra isto" disme
e preguntome, qué pode querer da poesía alguén
con esa sombra de calma sobrevoando a cabeza
e esa coleta desfeita.

Sangrar as cousas nas marxes dos apuntes de psicobio
non che pega nada, sendo sincera.
E inda así sinto que sairía algo
estrañamente fermoso, como un caracol camiñando
pola beirarúa.
Algo pequeno que sentir como un amuleto cando pases frío,
un recordo de que durante un momento te habitaches
a ti mesma
por completo.


lunes, 26 de febrero de 2018

O veo branco.

Cando che falo desas cousas e case sinto que me arrepinto.
Vexo esa expresión de terror na túa cara, tan linda.
Vexo o veo branco caer tralos ollos como a escarlatina,
o aire cargarse en frío e, de supeto,
vexo tódolos mecanismos de defensa que me agardan
enredados en letras entre as sabas.
Entre o fight, flight or freeze tan só hai
un veo branco tralos ollos desencaixados.
Ti nono ves pero metes tanto respeto, como se foses moi alto.
Ti nono sabes pero eu coñezo moi ben ese veo branco
que cae tralos ollos.
Eu nunca souben ter esa expresión, eu inundo todo e rompo
os corazóns das personas. Sinto que non sirvo.
Síntome tan desgastante, como se ninguén puidese quedarse moito rato
sen queimarse.
Porque eu non teño nada mellor que un tonto torrente de palabras.
Que comida e bicos e dicir unha e mil veces
o especial, o lindo, o importante, o querido que es.
Non fago máis que dar para compensar toda a auga que vos bebo,
a cantidade de horas que non ides poder simplemente esquecer,
o difícil que é pasar o tempo con alguén que non pode simplemente esquecer.
Que che vou tirar os medos á cara cada vez
e ese veo branco é unha pantasma
e cando estés só e canso na túa cama a quen vas chamar?
Podo ver o momento preciso no que ese veo che cae sobre a fronte
e querer comerte e dicirche que non son o monstro dos teus pe sa de los
pero quizais os malos soños veñan comigo.

viernes, 19 de enero de 2018

Basic needs.

Non hai xeito de salvarse anque cho vendan en postais.
Dígocho eu que estiven
no mais fondo da vida de outra.
Que tiven risas compartidas e vidas compartidas e cuncas a medias.
Eu que dixen "para sempre" e os seus ollos non mentían.
Ninguén nos coñecía, eramos estrañas
para nós mesmas.
Pero estabamos aí e de verdade, de verdade o intentamos tanto
que de verdade pensamos ser cada unha a metade
dun mesmo ser.
E nin así nos salvamos.
Sempre volvía.

Non hai xeito de salvarse nin rodeada
de pingas de personas que che tocan cos dedos fríos
porque todas temos medo e nos acochamos baixo os mesmos soportais.
E ás veces todas bicamos a quen temos ao lado
só para sentir algo e ter vía libre
para chorar.
E podedes correr moito e vivir aventuras e tirarvos todas na area da praia a cantar cancions e facer moito ruido de fogueira para espantar a escuridade
que tampouco iso che vai salvar.
E podes abrir as tripas e deixar que che metan dentro a man.
E ser real e darlle a alguén a man.
Igualmente vai volver.

As voces da radio estridentes
véndencho todo o tempo, os grandes carteis luminosos,
mentres ti só estas perdida entre os edificios que non durmen.
Todos che din cómo te podes salvar.

Deixao xa, creme.
Non te podes salvar.
Quen che diga que se librou desa sensación pegañenta e fría,
quen xa nunca máis tivo que chorar en silencio,
quen evitou ao final a máis básica emoción humana
está a mentirche, ou a mentirse.


Porque o día que xa non sintas a soidade a afogarche a gorxa
estás perdida.




viernes, 27 de octubre de 2017

Desequilibrio.

Cando eu son, todos abren as bocas.
Cando eu son e me expando como as nubes e che abrazo como as nubes
xamais souben determe nin medir, e cando o fixen doe dun mal xeito, como contaminación nos pulmóns.

Vivo nun desequilibrio que da vértigo e ás veces é como poutas que me arrincan o vento.

Que necesidade hai de pensalo sequera,
que necesidade hai?

Eu non son mellor por darme como area na praia.
Eu non son mellor por facer 
o que quero facer
cando o quero facer.

Eu tan só me dou como area na praia e desfruto
cando alguén me agarra e me deslizo entre os seus dedos.

Ao longo de tantos anos eu aprendin que esta é a miña realidade e non quero outra porque nada me da mais medo que deixar de expandirme como as nubes sen chover.

Eu prefiro chover mil anos no desequilibrio e coller as mans que distraídas se me tenden
por unha casualidade,
como sementes que o vento trae e sae unha tomateira ou un dente de león.

Eu prefiro darme como caramelos dun xeito egoísta, case obsceno
para que se me use a placer e logo
eu chovo, outros rin, e cans pequenos corren pola praia sen pensar.

domingo, 17 de septiembre de 2017

Strange things.

Non importa se eu me sinto
estraña.
Non importa se teño tremores
que me delatan.

E se o tempo tan só nos leva a cada unha nunha dirección
ate que sexamos puntiños na néboa
e un recordo na auga
non importa se doe.

O que nunca foi está imaxinado
no xeito estraño de mirarnos.
No xeito no que as nosas vidas ás veces
non se recoñecen.

Se isto nunca sae ben, igualmente,
non importa.
Non importa se teño que chorar aínda un par de noites.
Non hai nada que non vaia acontecerme, de seguro.
Eu sei sempre beberme tódolos fogares.

Por iso quéresme.
Estraña.

Por iso non importa
se as nosas mans xa non agarran nada.

jueves, 7 de septiembre de 2017

Carta de amor eterna.

Pasamos cada unha por un lado do mundo.
Cando estabamos atadas coma cans
eramos un desastre.
Un desastre bonito.
Unha e outra vez nos tiramos ao chan.
E unha e outra vez nos fixemos medrar e nos medimos
cunha regla contra a parede.
Estabamos feitas a unha para a outra dicían
como as nubes para a terra
como un aura de calma que se expandía ao noso redor
como a noites cálidas de verán.

Ti non tes culpa de que eu vivise nunha gaiola
decorada con flores.
Eu non teño culpa de que ti sempre
te culpases.
E así os anos foron pasando sen que estivésemos ti e mais eu
completamente presentes.
E así dentro da nosa inexistencia convivimos
pola forza.

Non precisabas razóns, eu non precisaba razóns,
para soltarnos.
As dúas precisábamos algo grabado a lume sobre a pedra
para soltarnos.
E partimos en dúas direccións disparatadas
sen saber se volveríamos.
E agora estamos a unha distancia de telescopio e respiramos
por primeira vez.

Pero tampouco marchamos e de súpeto
comezamos a elevarnos como un globo.
Entramos nunha terra sen conquistar
que unha vez crimos inhóspita
e construímos unha tiny house e enchémola de presente
e non sei cómo conseguimos asustarnos e non ter medo.

Para ti é sinxelo porque non o pensas moito.
Para ti é tan complicado, porque non o pensas moito.
Non precisas deus para saber que xamais
estarás soa.
Precisas ás veces alimentar esa fibra famélica que gardas en ti.
E con toda a superficie de 510 millóns de quilómetros terrestres
e ao bordo da extenuación escolles sempre
estar aquí, comigo.

E souben entón que dun xeito retorto, distinto
ao que moitos entenden
és a miña familia.

E chegarán logo outras vidas cheas de formas e cores
e me arrastrarán a comprar chapas de grupos musicais
e a roubar unha fábrica nacional de triciclos
e a tatuarme no peito baleas.
E pensarei quizais cousas distintas e querei ir
e levalas a Londres ou falar baixo as estrelas de marzo.

E ti seguro farás cousas moi normais e bonitas
como ser tímida e ousada á vez
e ver unha peli mentres abrazas o seu corpo miúdo.

Nada disto cambiará unha realidade na que estamos
totalmente presentes
e respiramos.
Agora que se soltaron os nós nas gorxas
cando non hai nada que perder
é cando de verdade podemos empezar
a amarnos.

martes, 5 de septiembre de 2017

Por iso, grazas.

Sempre se sinte tarde.
Como a praia de noite.
Sempre me escapa o tempo e xa penso
no día no que non estaredes.
O terror enférmame, igual que sempre
inda que menos que nun tempo pasado.
O terror enférmame porque quizais me atope
un día nunha rúa baleira.
Como por arte de hipnose vexo centos
de personas solitarias
arredándose uns dos outros
presos do pánico.
É ´tan dificil, tan dificil ensinar
a man ferida coa palma cara arriba.
É´´´´ tan difícil que choremos incluso cando ninguén escoita.
Quizais me subin ás nubes tan só para caer sen control.
Quizais debo entender que non teño dereito a salvar a ninguén.
Quizais non son en realidade nada máis que unha sombra.
Non importa.
Non importa.
Ao final todo leva á inmensidade do mar enfurecido
que me arrastra.
Ao final todo leva a vivir.
Por iso, grazas.