jueves, 7 de septiembre de 2017

Carta de amor eterna.

Pasamos cada unha por un lado do mundo.
Cando estabamos atadas coma cans
eramos un desastre.
Un desastre bonito.
Unha e outra vez nos tiramos ao chan.
E unha e outra vez nos fixemos medrar e nos medimos
cunha regla contra a parede.
Estabamos feitas a unha para a outra dicían
como as nubes para a terra
como un aura de calma que se expandía ao noso redor
como a noites cálidas de verán.

Ti non tes culpa de que eu vivise nunha gaiola
decorada con flores.
Eu non teño culpa de que ti sempre
te culpases.
E así os anos foron pasando sen que estivésemos ti e mais eu
completamente presentes.
E así dentro da nosa inexistencia convivimos
pola forza.

Non precisabas razóns, eu non precisaba razóns,
para soltarnos.
As dúas precisábamos algo grabado a lume sobre a pedra
para soltarnos.
E partimos en dúas direccións disparatadas
sen saber se volveríamos.
E agora estamos a unha distancia de telescopio e respiramos
por primeira vez.

Pero tampouco marchamos e de súpeto
comezamos a elevarnos como un globo.
Entramos nunha terra sen conquistar
que unha vez crimos inhóspita
e construímos unha tiny house e enchémola de presente
e non sei cómo conseguimos asustarnos e non ter medo.

Para ti é sinxelo porque non o pensas moito.
Para ti é tan complicado, porque non o pensas moito.
Non precisas deus para saber que xamais
estarás soa.
Precisas ás veces alimentar esa fibra famélica que gardas en ti.
E con toda a superficie de 510 millóns de quilómetros terrestres
e ao bordo da extenuación escolles sempre
estar aquí, comigo.

E souben entón que dun xeito retorto, distinto
ao que moitos entenden
és a miña familia.

E chegarán logo outras vidas cheas de formas e cores
e me arrastrarán a comprar chapas de grupos musicais
e a roubar unha fábrica nacional de triciclos
e a tatuarme no peito baleas.
E pensarei quizais cousas distintas e querei ir
e levalas a Londres ou falar baixo as estrelas de marzo.

E ti seguro farás cousas moi normais e bonitas
como ser tímida e ousada á vez
e ver unha peli mentres abrazas o seu corpo miúdo.

Nada disto cambiará unha realidade na que estamos
totalmente presentes
e respiramos.
Agora que se soltaron os nós nas gorxas
cando non hai nada que perder
é cando de verdade podemos empezar
a amarnos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario