sábado, 22 de julio de 2017

Vértigo.

Aparto a mirada porque 
mirarche aos ollos
dame vértigo.

O vértigo é, non sei se sabes,
un glitch do noso cerebro
querendo matarnos.

Danos medo o desexo que sentimos
de achegarnos ao lume
que nos come.

Deliramos porque cantando
non oímos que o medo
é evolutivo.

Por iso cando queremos matarnos 
ao estómago dalle
vértigo.

Por iso nos arredamos e buscamos
mil palabras
no subsolo do metafórico.

Por iso non podo sequera telo claro
ao escribir estas liñas malas.

Porque sería fácil ás veces estar cegos
e xordos e quizais tamén
postrados nunha cama
sen vontade.

E bailando os nosos soños non importan
porque é mais importante sempre vivir este momento
de evasións.

E bailando quizais o teu corpo cimbree como o bimbio
e poidamos seguir esquivando
a realidade.

E ao borde dun furacán sen frenos poida quizais
aguantar o tempo suficiente
para que pase o perigo e botar a voar
sen apenas lixar os xeonllos.

E quizais non existe realidade fóra
dun xogo que xogamos
e nos mata.

No hay comentarios:

Publicar un comentario