martes, 25 de octubre de 2022

October blues

 [Aqueles que están mortos non están mortos,

están soamente vivindo en min.

E como eu caín nese meigallo

do mesmo xeito tamén morrín]

(free translation from: 42, Coldplay)


En días coma hoxe as formigas festexan que atoparon

unha pomba morta sobre a que correr en círculos.

Festexan

un día máis de vida no formigueiro.


Todo apodrece, especialmente no outono,

cando está tan preto o día no que espertan as vellas pantasmas,

heroes da idade antiga,

convertidos en pó no mellor dos casos.

A maioría da xente sigue vivindo sen quitarlle o pó aos vellos costumes

para que non se lles desfarangullen entr'os dedos.

E eu atopo que fun polo camiño contrario,

pero só ca parte esquerda do corpo.

Pagou a pena esta innecesaria soidade

por unha honestidade a medias?

Ás veces a verdade é un veleno e, ás veces,

é máis mintireira cás mentiras.


Os anos pasan por min destrozándome o fígado, coma a todos, 

mais sigo esperando finxir o nácar e as mareas de antano.

Cada vez que sae costra eu arrinco

expoñendo a carne tenra de debaixo,

as feridas nunca curan, e apodrecen as follas, especialmente no outono,

e tódolos que tomáchedes camiños negros estades agora

xuntos

do outro lado,

apertados como formigas nun cadavre corredes e entrades en calor,

estades xuntos e festexades

un día máis de vida no formigueiro.


Este é o canto da miña derrota.

Escoito aínda as vellas cancións,

choro as tumbas de todos aqueles que fóchedes.

Por non querer chorar a miña, por non ver que ninguén

a chora.


Os valentes volvímonos cobardes,

morreron os heroes verdes e as cancións; 

vós soubéchedes da vida o xusto e necesario,

perdida a partida, quedouvos todo o demais.

Demasiado tarde vexo os sinais polo camiño transitado.


Demasiado tarde para cambiar ahora, dixo Alaska,

quedo escoitando aínda as vellas cancións,

buscando neste mundo que apodrece

un lume que queime as miñas mans, irtas de tanto frío.


A tódolos que quixen, a tódolos que odiei,

sempre tivéchedes razón.

jueves, 9 de junio de 2022

Recapitulación.

Co egoísmo que nace no amor máis intenso

dese xeito che recordo cada vez que non nos vemos.

Nos obxectos, nas paredes,

e deixo que me caian os ollos ás veces só pra ter que recollelos.

Quizais non che vin xamais, quizais nunca nos vimos,

ou vímonos demasiado ata que as costas

comezaron a doernos. 

Entr'as esquinas, nas paredes

que rompimos.

Rachar ca realidade foi unha vez a meta última

e agora corremos apurando as últimas migallas

porque vai rematar mañan mañan mañan.

Dicirche cousas que morren nuns beizos secos,

aspiración das noites pechas,

eu que lle fago se me quedaron na pel as xemas dos teus dedos,

que non podo lavarme estas feridas.

Un día espertaches e respiraches aire puro,

eu quito o veo cheirento que me cubre,

porque te estendes sobre o mundo como un mapa imposible

que non souben seguir.

 

-Finjo que no me gusta estar contigo.-

 


 


martes, 17 de mayo de 2022

Hide and seek - Imogen heap.

Un nó que gotea.

Lévame contigo.

Arráncame as entrañas esta vez

non importa

teño máis, son infinita.


Fomos cantando no lombo dese mamífero marino por carreiros da esperanza

nun coche que caía a trozos como nun espisodio dos tolos do volante.

Recórdasme e non me recordas de qué está feita

a materia do mundo.

Descarnaría as mans no esforzo de protexerche

deste mundo cruel.

Choraría duascentas noites sen arrepentirme un minuto.

Personas coma ti borran as sombras deste país acabado.


-te diría que pierdo las ganas de odiar si acomodo mis pasos a tu caminar, y que el mundo contigo se ve menos enfermo-

 



viernes, 3 de diciembre de 2021

And too old

 Qué seremos se non corremos,

un vómito na auga clara,

o berce do que nos sacan a patadas

mentres busco razóns para non ir durmir.

Que o destino se decida antes de que te des conta

que che agarre alguén polos pulsos febles

partindo como ramas secas

a noite de suspiros que nos leva.

Demasiado tarde,

demasiado tarde,

igual que se sufrise o meu quinto aborto non buscado

e chorase sen remedio un cento de grans secos.

Demasiado tarde porque estou

unha e outra vez detrás deste cristal

convencida xa de que non hei saír, nin mirar apenas

para outro lado

estando por estar, afogando

tan pouquiño que quizais aprenda a vivir sen osíxeno.

Total

que nos queda

a morte, tan burra.

Non hai en min suficiente carne de persona

que poida facer sentido a isto que me rodea.

O feito de que non morrín, cunha exhalación impertinente,

que xamais me pasou nada tan grave

que a vida non foi fácil

nin difícil. Que rematarei este xogo sendo

quen máis detesto.

O autoodio fainos a todos narcisistas,

non o sabías?

A vida que nos cubre con feridas.

Oxalá ter vinte anos e correr, correr naiciña, correr! 

Demasiado tarde para ir con prisas.

sábado, 13 de noviembre de 2021

I'm getting older

 Como unha flor pequena

un trozo de carne aplastado contra o asfalto

o medo nos meus ollos, o pranto

as vidas que non saben existir.

E unha respiración,

e outra,

e outra.

Levo os pés mollados alá onde vou, como unha lousa

preguntando a aqueles que pasan cando chega o seguinte bus,

a seguinte cousa,

a seguinte noite na que a cabeza descansa, o seguinte sentir un pouco

sen ser un dispositivo mecánico o que nos ausculte

este órgano tan tenro.

Quedeime partida

como unha rama seca

con ese golpe certero

sen crueldade nin herba, tan só a risa malévola de quen non busca nin teme nada,

un ruído ensordecedor de voces rañandome nas costelas.

E quero cuspir sobre todas, todas as cousas que quixen,

sobre todo o que adorei, sobre todo o que fixen,

sobre cómo me entrego e me sinto tan pequena,

sobre esa sensación de dar tanta pena (e non suficiente).

Supoño que me fago maior.

martes, 2 de noviembre de 2021

Abertas

Qué me traes dend'os realmos da memoria? Que me traes...

se nin coñezo eses pés que camiñaron

e xa sei que pisaron onde os meus pisaron

onde pisaron os de tantos antes

e todos os que esqueceron

polos cartos e o otorrino

os diaños que nos levan

os crocodilos que alimentar,

as paixóns, as portas

dunha percepción necesaria da realidade esquiva.

Córtase a fogonazos o peso das cousas,

o peso de amor que imos cargando como metralla cansada,

que xa non sabemos se serve d'algo

ou se nos salva de estalar na nada.

 

 

sábado, 21 de agosto de 2021

come on baby light my fire

todo daba voltas arredor deste veleno

ata tocar cas puntas as cordas máis tensas

riscando cas unllas a cabeza do misto

atopándonos de novo, buscándonos de novo,

condenándonos.


trémenme as mans das autopistas

neste corpo que non frena

nos bocados desta vida

na linguaxe que medra enteira

de ter esta cousa escura entre nós,

isto tan barato como real,

trémenme as mans de non ter tenazas

cortándome o peito.

 

FURIA necesaria a que nos leva a erguernos das cinzas

dun novo mundo,

cuspe en tódolos insectos que se nos meten

polos poros.


que ti me queres e eu te quero

que sempre estaremos separados

que nunca apartarei a cara

que xa estamos condenados


"And I swear by this love
which is living and dead
that we will be separate
and we will be wed."