domingo, 1 de agosto de 2021

Na selva.

Estou na selva, e máis ca unha selva é un deserto.

Cómo ha ser unha selva este baleiro?

O meu cerebro coma unha máquina coidadosamente hidráulica

inventa o argumento dos "Pazos de Ulloa" para as horas mortas.

Calquera cousa e son lanzada contra a parede,

e non dun xeito erótico (oxalá),

de feito o erotismo en min está morto.


Está oco o meu corpo, colle unha man enteira

sen rozar as costelas nin nada

e non sei xa qué trato de engulir para encherma,

o semanario de programación.


E non consigo escribir, como se me apodrecesen os dedos, 

as ideas son moles bolsas de líquido,

mais consigo emocionarme con algún poema de Gloria Fuertes, 

que a nivel de forma non me entra moi ben.


A vida é unha cousa tras outra, e así pásanlle a unha o mesmo

os minutos que as mareas, pero nada aí fóra

me toca

nin eu a ela,

quizais se me disolveu a pel.

No hay comentarios:

Publicar un comentario