domingo, 9 de noviembre de 2014

Derradeiro poema nº1.

Nunca ninguén atopará o sitio
no que a pedriña do zapato non moleste.
E eu non atoparei o sitio onde deixar tirado
o recordo mollado dunha tregua.
As rúas son grises e ás veces soleadas
cando os meus pés me levan a ese anaquiño de perdición
no que non bebo alcol, pero case
no que non berro contigo nin tampouco me río
na miña habitación revolta de clases e fibras soltas.
Ti e mais eu sabemos que na adolescencia todo importa,
que eu me quedei cun pé na mugre,
que tomaches un avión á indiferencia
onde as promesas non aforcan o embigo e as palmeiras dan luz de neón.
Ti e mais eu sabemos que sempre foi un erro querérmonos
e xuntar os dedos na irmandade das bágoas secas
e os compact-disc.
Eu atopei ás veces as túas migallas nos altofalantes do meu derradeiro verán,
e tódolos días agardo que voltes por min
como se foses un can salvaxe que vagabundea na cidade.
Porque ti e mais eu sabemos que nunca foi un erro querérmonos
inda que finxas que si co teu sorriso ladeado
e eu agardo o sangue dourado que corría polas nosas veas, neses días,
nos que nada importaba máis que os peixes e ecos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario