sábado, 22 de junio de 2013

Dieta de verán.

Debemos atopar un xeito de que o verán se estire.
De agarralo polas puntas e que aumente de tamaño como os monstros aos que lles das amor.
Eu faríalle tódalas madalenas que quixese para que engorde e se faga ben grande, para que non morra nunca, para non estar máis de luto tódolos meses de inverno e ter que torcer a boca e chorar no teu ombro un chorar idiota, de pelos na gorxa e causas perdidas. Non me gusta en inverno porque ti tamén tes pelos na gorxa e causas perdidas e non podes chorar.
Debemos atopar un xeito de que o verán se estire. E que pase o clima para que caian as follas e as árbores da alameda sexan como mazás Fuji e que chegue a neve, e se en inverno nos fósemos a lugar alto para poder sorprenderme cada mañá de que está nevando? Que bonito...
Pero que o verán se estire, que tome forma e cor e que cubra co seu manto cada segundo e cada rincón, para volvernos unha vila pequena de debuxos animados, e poder discutir durante horas sobre cousas imposibles e facerche o amor sen que o fastío cubra todo da súa cinza.
Cómo fago para que dure ese tempo de tres meses no que ti eres ti e eu son algo que sinte e ule e salta?
Cómo para non despedirnos, sen sabelo, ata o ano que vén?

No hay comentarios:

Publicar un comentario