martes, 13 de marzo de 2012

I

Téñote aquí enredado
no nácar dun esquelete de elefante.
Raíces azuis despréndense dunha loucura
que non é máis que sucedáneo, non permite verquer o sangue
ou medirme os dedos.
Choro pequenos golpes de estrela
que sabe ambigua agora, a pesar de que da calor
e que era boa idea esa de botarse atrás coma
unha tristura de animal furioso
e reclamar tódalas horas
poñer mil anclas ao chuvasqueiro amarelo de Pescanova ou
sacar a man da cama (mi mamá me ama, mi mamá me mima, mi mamá mata ratas rojas)
para tranquilizarme con linguas de area.

E agora qué, eh?
Se xa non vexo ratas
nos arames
e todo son traxes grises que che quedan grandes
e che fan ollos de mediocridade.
Se che quitaron tódalas fodidas plumas,
e a min, tamén
e non podemos facer un espectáculo de coellos
e elefantes
e arañeiras e epístolas e sangue e area e flores e pedras e cordas e acenos e cuspe e pornografía e neuronas vexetais e prismas e alcohol e choros e tomates e seme e doces e peixes e laranxas e gasolina e todo
aquilo que che arrincaba dos dedos.
E se agora quedei sen animais
e son un fenec de grandes orellas que durme tranquilo
e me chega o inverno e as notas amables dos bechiños quentes e fetais
sen ollos
sen ollos.
E se só podo aprehenderche así? (che)
E se preciso unha chea de monstros, e crocodilos, e lesmas, e tentáculos no sexo?

E se preciso morrer?

No hay comentarios:

Publicar un comentario