viernes, 7 de diciembre de 2018

Orange juice and others.

Eres unha estraña.
Se alongo a man case podo tocarte
cas xemas dos dedos, rozarte coma area
ou coma os bicos protocolarios,
pero és unha estraña.

E así e todo case podo vernos de noite nun café
resgardándonos do frío e a choiva e os crocodilos,
cas enormes botas brillantes de mollado.
Case podo vernos rir e quizais...

O nadal comeza sempre de noite e cheo de luces.
Pareces saída dalgún vídeo musical, nótase
que levas unha vida performativa, nótase
que tratas de engulir esa película onde sexas ti, 
e só ti.

Nótase o humano en ti coma as pingas de choiva nos vidros do coche.
Se és amable pregúntome se non
sufriches,
ou se xa o fixeches demasiado.

Imaxino os nosos pés na parede e as conversas
porque dalgún xeito a balea bebe sempre todo.

Teño medo de como busco sempre estar involucrada,
como unha ansiedade a ficar fóra,
cunha crueldade que apenas se oculta en inocente
bondade.

Medo de que un día os ollos estén cansos,
medo de invadilo todo, como unha balea branca no ceo, ata que unha voz me pida que me aparte.

Eu podo facer xogos de robots e pilotos.
Escoitar as cenmil prantas delicadas
que tecen os seus beizos ao teu redor, embelesada.

Ti non sabe-lo bonita que és.
Ti non sabe-lo bonita que és cando el che conta.
Cando el che conta quero bicarche como se fose-lo mar escuro dunha praia ao sol do inverno.

Por iso agora te imaxino tan soa,
sentada na farola da túa habitación de aceite,
cos teus animais e robots mecánicos rodeandote fronte ó espello de pé.

Tan soa e feliz ca tristura desbordandose polos tablóns do chan do cuarto.

Case podo vernos rir e quizais


               deixar de ser estrañas.